Site icon Crónica3.com A Mariña

“100 primeiros días, grazas”, por Fran Cajoto, alcalde de Foz

O tempo anda moi de présa. Pasaron xa 100 días desde o 15 de xuño, data na que prometín cumprir con todos os veciños e veciñas de Foz, levar o peso da responsabilidade con dignidade e humildade e traballar con un gran equipo para tratar de mellorar a nosa vila, as nosas parroquias, o noso Concello. Cen días que non foron de graza e que me permitiron constatar que a calidade das persoas non se mide polas palabras, senón polos feitos. Foz en verán é un pobo distinto, case unha cidade. Grazas ao traballo dos compañeiros, ao esforzo dos traballadores municipais, ao inestimable apoio de Protección Civil, ao compromiso da Policía Local, á dedicación das asociacións do Concello e das comisións de festas, á profesionalidade de socorristas e corpos de salvamento, bombeiros, Garda Civil e moitos veciños e colaboradores, a normalidade e a tranquilidade foron unha norma. E todo aquilo que estaba pendente de organizar con un verán xa empezado resolveuse polo traballo, esforzo e dedicación de todas estas persoas, a pesares dunha transición entre administracións que de forma inaudita non existiu, da maneira máis irresponsable. Dicía Tolstoi que «Os dous guerreiros máis poderosos cos que se pode contar son a paciencia e o tempo», unha gran reflexión que pon en valor o traballo e a constancia como os pasos máis seguros e firmes para conseguir un fin, para acadar un obxectivo. Engadámoslle tamén o sentido común. Non son quen, nin me atrevería, a xulgar a ninguén. Os políticos, entre os que me inclúo, temos un exame cada catro anos co tribunal máis esixente que existe, os nosos propios veciños e veciñas: é nesa reválida, nesa sorte de selectividade, onde o pobo no seu conxunto decide de forma soberana quen é merecedor da súa confianza e quen non, quen aproba e quen suspende.
E nestes primeiros 100 días o que máis valoro é iso: o compromiso da xente, o saúdo dun veciño, a resolución dun pequeno problema sabendo que quedan varios milleiros máis por tratar. Nestas épocas de redes sociais resúmese nun comentario de Facebook moi recente: conseguir que Dona Satisfacción se empadroe en Foz e viva aquí moitos anos.

Exit mobile version