Barreiros, 1 de agosto, 2019O Concello de Barreiros participou xunto coa A.f. O Arco da Vella, na presentación da XXXVIII edición do Festival Folclórico do Emigrante. Tivo lugar diante das Antigas Escolas de San Miguel, un edificio escolar construído polas persoas emigrantes da parroquia, que tras marchar buscando o futuro retornaban diñeiro e iniciativa para contribuír tamén ao futuro e desenvolvemento cultural do seu lugar de orixe. É un dos símbolos daquela emigración que debemos coñecer para evitar que se reproduza e hoxe forma parte do conxunto de edificios que nos identifica como colectivo.
Nesta ocasión a cita coas mellores músicas folclóricas do mundo terá lugar a partir das 22 horas no recinto do campo de fútbol das Valgas, salvo que as condicións climatolóxicas sexan adversas, nese caso, trasladarase ata o pavillón de San Miguel.
O festival presenta este ano un cartel especialmente salientable que incluirá as actuacións da asociación folclórica El Moral de San Miguel de Geneto, La Laguna (Canarias), Song and Dance Belgorie de Rusía, Hei Show Tamure de Tahití ademais da intervención da banda anfitrioa.
Trixésimo oitava edición
Este evento forma parte das citas de interese turístico galego desde o ano 2007 e nesta ocasión celebra a súa trixésimo oitava edición. Sempre destacou por acoller grupos de danza e música folclórica de todos os continentes así como doutras comunidades.
Por outra banda dentro deste mesmo cartel a asociación promotora organizará a IX Foliada do Emigrante, neste caso a celebración deste evento terá lugar o venres 2 de agosto a partir das 21,30 horas na praza do Souto. Trátase dun encontro festivo que serve de antesala ou como benvida aos participantes e ás persoas que ao día seguinte gozarán co encontro internacional.