O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, confirmou que cinco empresas teñen interese en executar estes traballos que se prevén estean rematados na próxima primavera. Neste momento está en marcha o proceso de contratación de obra coa valoración das cinco ofertas presentadas.
Balseiro fixo estas declaracións no transcurso dunha visita á estación na que deu conta do proxecto de actuacións previstas nunha infraestrutura que ten moita afluencia diaria de viaxeiros, porque ademais de ser un punto de saída e chegada de autobuses comparte usos como estación ferroviaria.
“A Xunta quere ofrecer unhas instalacións nas mellores condicións posibles e máis cómodas e seguras. Queremos tamén ampliar a información dispoñible, coa dotación no interior de letreiros informativos electrónicos”-explicou o delegado.
Descrición dos traballos a acometer
Entre os traballos previstos está unha significativa mellora da cuberta, tanto da dársena como da propia estación, así como a renovación da rede de recollida de augas pluviais. Está previsto incorporar un sistema de ancoraxe, que permita traballar dun xeito máis seguro nas operación de mantemento e limpeza en altura.
O proxecto inclúe igualmente o pavimentado da zona de circulación de autobuses, que presenta nalgún puntos deterioro, coa correspondente reposición das marcas viarias.
Para ofrecer unha mellor comodidade e servizo aos usuarios da estación tamén está previsto ampliar o número de bancos na dársena de agarda e un novo rótulo identificativo da estación.
Ademais renovarase a instalación eléctrica, modernizaranse os baños e hai previstas outras melloras nos espazos comúns (sistemas de peche, portas, interruptores, pintado da totalidade das superficies, aplicación de tratamentos anticorrosión, etc)
A construción da estación de Burela data do ano 1989. Está emprazada no centro da vila, na zona sur-suroeste nun entorno residencial relativamente novo.