Viveiro, 31 de agosto de 2019. A Secretaria Provincial Socialista e Deputada Autonómica, Patricia Otero e a Alcaldesa de Viveiro, María Loureiro así como os membros do equipo de Goberno, acompañadas de centos de veciñas e veciños, participaron esta tarde na manifestación convocada pola Plataforma Veciñal para reclamar o saneamento da ría de Viveiro. A rexedora viveirense amosou “o total apoio a esta colectivo veciñal, que coma nós, defende que se executen as obras de mellora, xa que o saneamento da ría de Viveiro é un problema que afecta a todo o municipio”.
Loureiro remarcou que “dende o Concello de Viveiro levamos moitos anos traballando e reivindicando, ante a pasividade e as trabas da Xunta, axilizar o expediente para a mellora da ría”. Ademais lembrou que “o convenio asinado en agosto de 2016 ao que houbo que engadirlle tres addendas, remata no 2021”. Sinala ademais que “son investimentos procedentes nun 80% de fondos europeos para o arranxo deste emisario, e foron adxudicados exclusivamente para esta finalidade. E como pode comprobarse o único que non cumpriu este convenio foi a Xunta, o Concello de Viveiro fixo todos os deberes”, espetou.
A rexedora afirmou que “o Concello fixo o seu traballo e esta a disposición da Xunta, ou calquera entidade para demostrar con luz e taquígrafos o procedemento que leva realizando dende fai anos para mellorar a ría. Por iso, queremos que se faga xa, as veciñas e veciñas de Viveiro non poden esperar máis, queremos que se deixen de escusas. O Concello xa fixo o seu traballo pero a Xunta segue poñendo paus nas rodas”, resumiu.
Iniciativas no Parlamento
Pola súa banda a Secretaria Provincial Socialista e Deputada Autonómica, Patricia Otero lembrou que o Grupo Socialista rexistrou unha batería de iniciativas na Cámara Autonómica nas que denunciou a pasividade de Xunta en todo este proceso. “As obras de saneamento da Ría de Viveiro deben comezar xa. A Xunta de Feijoo só esta mareando a perdiz e poñendo en risco o investimento europeo para este enclave”. Ademais a diríxente socialista remarcou que “o Goberno do PP anunciou a execución desta obra no 2015, estamos no 2019 e aínda seguen poñendo atrancos para non executar o proxecto de saneamento., explicou.
Otero afirmou que “a única administración que esta traballando por sacar adiante o saneamento da ría é o Concello de Viveiro, e que como hoxe demostra esta a carón dos seus veciños”.