Así o comunicou a popular ao equipo de Goberno a través dun escrito presentado ante o Rexistro Municipal nos últimos días despois de ter denunciado xa publicamente o pasado mes de xullo “a incapacidade do Goberno bipartito que conta con tres dedicacións parciais” para abrir a piscina a comezos do verán. De feito, abriu “co verán xa avanzado” e a pesar de ter contratado ao socorrista coa colaboración do Goberno autonómico. Ademais, a Requeijo non lle parece “lóxico” que “a piscina abrira ao público o 25 de xullo, tal e como teñen anunciado dende o Executivo municipal; cando a data na que consta que finalizaron as analíticas é o 29 de xullo”. Así, “a apertura da piscina realizaríase catro días máis tarde do que manifestaron dende o Goberno local”, critica.
Limpeza nas súas inmediacións
Os populares sinalan tamén que “debido ás obras que se están realizando xusto ao lado para facer unha piscina para nenos e nenas, atopámonos cun estado lamentable da zona”. A pesar de amosar o seu apoio a esta infraestrutura, cren que “agora que está a obra paralizada deberían estar os materiais recollidos e dar unha mellor imaxe”.
Así mesmo, “os arredores do campo de fútbol tamén están descoidados. Xa sabemos que o campo non se utiliza moito, pero deberíase ter a zona algo mellor acondicionada” porque, tal e como critican dende o Grupo Municipal do PP, “os laterais estase usando como escombrera e hai maleza que se debería rozar”.
Abandono da Aldea etnográfica de Carelle
A voceira do PP de Muras tamén se dirixiu ao Goberno bipartito municipal a través doutro escrito para solicitar a limpeza e acondicionamento das fincas e das vivendas da aldea etnográfica de Carelle que presentan “un estado de total abandono”.
Os populares explican que “este grupo de casas foi reconstruído no seu momento coa intención de ser un atractivo turístico para o noso municipio. É certo que, nestes momentos, o seu desenvolvemento está parado por temas xudiciais; pero consideramos que isto non é motivo para ter a aldea nun estado lamentable, como está na actualidade, dando moi mala imaxe do noso Concello”.