Site icon Crónica3.com A Mariña

Os gastos do anterior goberno de Barreiros situan ao Concello nunha situación complicada segundo a intervención municipal

 Barreiros, 13 de agosto de 2019. O informe de intervención que acompaña a aprobación da Conta Xeral manifesta que no ano 2018 “continuouse coa liña negativa de incrementar o gasto e isto trouxo como consecuencia o incumprimento de novo de todas as magnitudes orzamentarias, situando a economía do concello nunha situación complicada.”
A conta xeral foi estudada en comisión informativa na tarde de onte e someterase a aprobación no vindeiro pleno no mes de setembro.
Para o recén estreado goberno municipal, esta situación vén a ratificar que a política de gasto descontrolado que se estaba a levar a cabo ata maio foi atendendo a criterios puramente electorais e esquecendo os intereses xerais e lamentan que “por causa do despilfarro do anterior goberno, nos vexamos nunha situación complicada que requirirá a adopción de medidas.”
A alcaldesa, Ana Ermida, manifesta que “é inconcebible que coa situación deste Concello non se realizara un control do gasto e iso é o que agora ten que asumir o novo goberno, que traballará con rigor e seriedade para non seguir afondando un burato económico que dificulta enormemente o funcionamento, mesmo diario, desta administración.”
O informe de intervención conclúe que “revisando a situación económica, deberanse tomar medidas drásticas de control e redución do gasto, tanto corrente como de investimento. Sen embargo, considero que con isto soamente non se vai poder volver á senda do cumprimento, polo que será preciso tomar tamén algunha medida importante para o incremento dos ingresos.”
Desde o goberno municipal sinalan que estudarán as medidas a tomar e que procurarán que as mesmas non recaian de xeito xeral sobre as veciñas e veciños, que levan anos sufrindo o descontrol económico no municipio.

Exit mobile version