O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, visitou este mediodía a travesía, na que se está a levar a cabo o repintado da sinalización horizontal na totalidade da travesía. Os traballos completaranse en dous días, sempre que as circunstancias meteorolóxicas sexan favorables.
Deste xeito quedará finalizada a actuación, que contou cun orzamento de 180.000 euros para actuar entre os puntos quilométricos 14 e 19 da estrada, nos termos municipais de Alfoz e O Valadouro.
Na travesía de Alfoz a actuación foi completa e incluíu a extensión dunha nova capa de rodaxe con mestura bituminosa en quente en toda a lonxitude (1,1 quilómetros).
Noutros puntos do percorrido entre Adelán e Ferreira do Valadouro realizáronse fresados localizados nas partes da vía co firme máis deteriorado e procedeuse á reposición posterior da calzada con mestura bituminosa a carril completo.
A Xunta impulsa estes traballos co obxectivo prioritario de conservar a rede viaria autonómica en óptimas condicións co fin de incrementar a seguridade viaria e proporcionarlles aos usuarios unhas vías cómodas e seguras.