Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Viveiro achaca ao Goberno local de “non ter os deberes feitos” en relación ás obras de mellora da estación depuradora

Viveiro, 27 de agosto, 2019. O Grupo Municipal do PP de Viveiro achaca ao Goberno local de “non ter os deberes feitos” porque “a alcaldesa non someterá a votación plenaria a licitación das obras de mellora da estación depuradora ata finais de setembro cando podería levar este asunto ao pleno do vindeiro día 4”. Pero, ademais do retraso por parte do Executivo socialista de Viveiro para levar este asunto ao pleno da Corporación, denuncian tamén que “o Goberno local tardase máis de dous meses en someter a información pública o proxecto técnico para ampliación da EDAR que a Xunta remitiu ao Concello o 9 de maio”.

Os populares viveirenses lamentan, polo tanto, “a demora do Goberno local á hora de executar un proxecto tan importante coma este para o noso municipio”. Así, cren que “a alcaldesa debería dar explicacións públicas de forma clara sobre o proxecto de mellora do saneamento da ría de Viveiro en lugar de confundir e sementar incerteza”.

Competencias municipais
Os edís do PP aclaran que “o saneamento e a depuración de augas residuais son materias de competencia municipal” e, aínda así, “a Xunta decidiu dirixir unha partida económica de 7 millóns de euros para contribuír á mellora do saneamento da ría de Viveiro que inclúe a construción dun novo emisario. Hai que lembrar tamén que se trata dunha achega moi importante por parte do Goberno galego que podería ter investido noutros proxectos”.

Non entenden os populares, polo tanto, que “o Goberno local tilde de sectarismo político” á Xunta de Galicia cando “outorga 7 millóns de euros a un proxecto que consideramos prioritario a pesar de que non é da súa competencia”. É máis, “nestes momentos ese investimento está agardando a que o Goberno viveirense dea o paso que lle corresponde: entregar a documentación municipal necesaria para poder licitar as obras de mellora da estación depuradora”.

A este respecto, dende o PP local manifestan que “esta situación debe resolverse canto antes e non prolongarse nin un instante máis. Escabullirse non é o que procede nestes momentos, senón que se debe coller o toro polos cornos e sacar adiante este proxecto todos xuntos canto antes”, conclúen.

Exit mobile version