Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP acusa a PSOE e BNG de “poñerse de perfil” e non esixir a Sánchez que aprobe o estatuto de apoio a empresas como Alcoa

A Mariña, 28 de agosto, 2019. O Partido Popular de Lugo acusou a PSOE e ao BNG de “poñerse de perfil” ante as necesidades dos traballadores de Alcoa tras constatar que ningunha das dúas formacións políticas son capaces e esixir ao Goberno de Pedro Sánchez que aprobe o estatuto de apoio ás empresas electrointensivas que prometeu hai meses.

Para os populares ambas formacións políticas “están instalados nunha cerimonia de confusión” para evitar algo tan simple como reclamar que o Goberno central non siga negando o paquete de medidas que compensarían o alto prezo da electricidade.

Os populares son especialmente críticos coa secretaria xeral do PSOE en Lugo, Patricia Otero, a quen acusan unha vez máis de ser a “avogada defensora das causas perdidas” neste caso, da inactividade do Goberno do PSOE ante a crise de Alcoa, unha actitude que, afirman, “lle pasará factura sen dúbida”.

En relación co BNG, socios preferentes do PSOE en moitos gobernos, como os da Deputación de Lugo, din que “seguen a estratexia de disparar para todos os lados para non dar a ninguén” e sinalan que “deberan facer valer a súa privilexiada relación co PSOE para presionar a Sánchez”.

A este respecto, consideran que socialistas e nacionalistas “en vez de criticar ao PP deberían sumarse á ofensiva que lideran en defensa do futuro e do emprego en Alcoa San Cibrao”. Sinalan tamén que “moitos traballadores non comprenden por que os partidos de esquerda están agochados e mudos incapaces de esixir solución”. Ademais, conclúen, “non é o momento de botarnos a culpa, senón de traballar como se fixo no ano 12. Estamos tendo un criterio coherente pedindo o mesmo que naquel ano”, defenden.

Exit mobile version