Site icon Crónica3.com A Mariña

O Grupo Provincial do PP ve un “grave problema” en que Gobernen “os que buscan dinamitar a Deputación no lugar de promover un proxecto de provincia”

Lugo, 8 de agosto, 2019. O Grupo Provincial do Partido Popular ve un “grave problema” en que goberne na Deputación de Lugo unha formación política que busca dinamitar a institución no lugar de promover un proxecto de provincia “serio, claro e decidido, pensando nas necesidades e nas demandas de todos os concellos e dos veciños e veciñas”.

Os populares fan estas declaracións logo das manifestadas pola vicepresidenta da institución, a nacionalista Maite Ferreiro, sobre a necesidade de baleirar de contido a Deputación de Lugo. Dende o PP consideran esta actitude como “un verdadeiro insulto” aos que cren na provincia, teñen un verdadeiro proxecto para cada un dos concellos e forman parte da institución para atender as necesidades dos seus veciños e veciñas.

Dende o Grupo Provincial do PP ven preocupante que Tomé prefira como socios aos que intentan rebentar a Deputación no lugar de aos que pretenden traballar pola provincia. Os populares din que o BNG coa súa actitude e coas súas declaracións convértense nun verdadeiro perigo para a Deputación e para o seu funcionamento e “demostran que non farán nada positivo pola provincia nin polos seus veciños e veciñas, máis alá de desmantelar unha institución”, dende a que “debemos traballar como apoio aos concellos para a prestación de servicios necesarios”.

O reprobable, para o PP, é que danen a imaxe da institución da que forman parte ao igual que fixeron os socialistas con Suplusa ou que se dediquen a empregar as residencias de maiores “só en base aos seus intereses políticos, anunciándoas en eleccións e pretendendo desfacerse delas cando teñen responsabilidades de Goberno”.

Polo tanto, os populares pídenlle coherencia ao BNG porque non respectan a institución da que forman parte, pero si se pelexaron para “ter áreas de Goberno, dedicacións e asesores”. Dende o PP “temos un proxecto e un programa no que non quixo fixarse Tomé preferindo aos que non cren na Deputación. Aínda así, o noso compromiso será o de seguir traballando pola provincia”, manifestan.

Exit mobile version