Burela, 7 de agosto, 2019. Non fai nin un mes que o BNG alertaba dos problemas para a contratación de socorristas por parte do Concello de Burela, pero semella que o goberno local non ten ningún interese en mellorar este servizo. O pasado 31 de Xullo un dos profesionais que traballaban nos areais burelaos causou baixa definitiva e o equipo encabezado polo señor Llano non foi quen de buscar alternativas na contratación.
“Non so non tentan cubrir ningunha das prazas concedidas pola Deputación de Lugo para melloralo servizo senón que polo que se ve non teñen previsto cubrir a baixa que se acaba de producir, sabendo que hai profesionais con intención de integrarse no servizo” sinalou Mario Pillado, voceiro do BNG en Burela, recordando que no anterior proceso de selección descartaron un socorrista por chegar fora de prazo.
Este feito reflíctese no servizo posto que non se van poder cubrir tódalas quendas das praias que contaban co servizo. “En concreto, a praia de Ril queda parcialmente descuberta, un feito do que xa nos están a informar os veciños que xa se atoparon o areal sen servizo en certos momentos. A obriga do equipo de goberno, co señor Alfredo Llano á cabeza, é buscar solucións e ofrecer o mellor servizo posible para os veciños e non están cumprindo con esa obriga, como de costume. A xestión neste ámbito é desastrosa” indicou Pillado.
Dende o BNG recórdanlle ó señor Llano e, por extensión, a todo o goberno local, que neste impás que supón a repetición das eleccións nunha soa mesa electoral teñen que cumprir as súas obrigas e seguir xestionando. “Non sabemos se pensan que están de vacacións ata que se produza esa repetición electoral, pero a realidade é que deben que seguir xestionando e garantizando os servizos que presta o concello polo ben da veciñanza” rematou Mario Pillado.