Segundo sinalan desde o goberno “a localización dos puntos de vertedura actuais son en zonas moi próximas á praia, mesmo a lugares tan emblemáticos como a praias de Augas Santas/ As Catedrais, e mesmo en Rede Natura, o que supón uns impactos tanto ambiental como turístico negativos; a maiores dos evidentes de saúde pública que se detectan nas analíticas realizadas pola administración competente.”
As representantes do goberno municipal expoñen ao Ministerio que dada a urxencia da solución, consideran necesario poñelo en coñecemento da administración estatal, entendendo que o propio Estado español ten interese en que devanditos problemas poidan solucionarse no menor tempo posible e, dese modo, evitar unha deterioración maior da nosa costa e do propio medio ambiente.
Esta cuestión foi tamén trasladada polo goberno municipal á Xunta de Galicia a pasada semana, solicitando igualmente unha reunión con distintas Consellerías coa intención de “poñer en marcha vías de colaboración para buscar unha solución efectiva a un problema que se arrastra desde hai anos.”
A alcaldesa barreirense agarda que a proposta sexa tida en conta e se poida iniciar unha vía de colaboración que redunde no beneficio das veciñas e veciños de Barreiros e manifesta a “esperanza de que os intereses xerais das veciñas e veciños estean por riba de todo e todas as administracións se impliquen en facer posible a solución.”
Desde o executivo local afirman que a súa disposición é “petar en todas as portas que fagan falta. Porque cando existe un problema hai que afrontalo e tratar de poñerlle solución. Temos claro que a xente nos escolleu para gobernar e faremos todas as xestións que estean nas nosas mans para acadar o resultado final esperado.”
As analíticas de sanidade continúan coa recomendación de non bañarse.
Os resultados recibidos polo Concello de Barreiros a respecto das novas mostras de augas de baño na praia de Arealonga seguen arroxando valores de contaminación microbiolóxica por riba dos normais, polo que a administración local mantén a recomendación de non bañarse en dito areal ata que os resultados das analíticas sexan normais.