Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Ribadeo asinou este mediodía un convenio de colaboración coa Xunta de Galicia para o financiamento das obras de remodelación do campo de xogo do estadio municipal Pepe Barrera

 Ribadeo, 27 de agosto de 2019. O Concello de Ribadeo asinou este mediodía un convenio de colaboración coa Xunta de Galicia para o financiamento das obras de remodelación do campo de xogo do estadio municipal Pepe Barrera. O alcalde en funcións de Ribadeo, Pablo Vizoso, agradece a achega da administración autonómica, que so supón o 10% do montante total da obra, arredor de 46.000 euros. Vizoso lembrou que a Deputación aporta 150.000 euros e o Concello 220.000 euros.
Vizoso declarou que “desde o Concello de Ribadeo, en relación coas obras de remodelación do estadio municipal Pepe Barrera, queremos manifestar en primeiro lugar, o noso agradecemento á Xunta pola súa achega económica segundo o convenio que acabamos de asinar. Por outro lado, como integrante da Corporación Municipal e tamén do equipo de goberno, consideramos que esta cantidade podía e debía ser máis elevada, sobre todo tendo en conta as circunstancias específicas do caso e ademais tendo en conta que se trata da Xunta de Galicia, que é unha administración de carácter superior e que precisamente ostenta as competencias en materia deportiva, sobre todo en promoción do deporte”.
O rexedor en funcións engadiu que “se atendemos aos montantes económicos resulta que esta achega da Xunta, que é de 46.200 euros, ven supoñer un 10% do custe total do proxecto de remodelación do campo de xogo, que se financia grazas tamén a outra cantidade de 150.000 euros que achega a Deputación e o resto, máis de 220.000 euros, a cargo de fondos propios aportados directamente polo Concello de Ribadeo, o que supón para unha institución como esta un enorme esforzo”.
Pablo Vizoso subliñou que “en calquera caso, insisto unha vez máis, que queremos agradecer á Xunta a súa achega e a súa colaboración e desexamos seguir colaborando dunha maneira moi estreita en novos convenios polo futuro e polo ben de Ribadeo”.
Pola súa banda o edil de Deportes, Jorge Díaz, subliñou que as obras no Pepe Barrera marchan a bo ritmo e que a previsión é que estean rematadas a principios do vindeiro ano 2020.
Foi Pablo Vizoso, como alcalde en funcións, o encargado de asinar o convenio xunto ao secretario xeral para o Deporte da Xunta, José Ramón Lete. Ambos visitaron este mediodía as instalacións.

Exit mobile version