Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Cervo será o escenario da 1º Mini BTT Medela MTB o vindeiro domingo, 8 de setembro

 Cervo, 30 de agosto de 2019.- O Concello de Cervo será o escenario da 1º Mini BTT Medela MTB o vindeiro domingo, 8 de setembro.
Este evento federado desenvolverase nun circuíto que foi deseñado e trazado pola organización no Monte de Lieiro, froito dun acordo coa Comunidade de Montes, propietaria dos terreos.
A cita deportiva, organizada polo Club Medela MTB, coa colaboración do Concello de Cervo, foi presentada polo rexedor, Alfonso Villares, o edil de Deportes, David Rodríguez, a edil de Educación, Dolores García Caramés, e por varios membros do ente organizador, David Riera, Víctor Riera e Diego Ballesteros; que estiveron acompañados polos pequenos que asisten cada día aos Enredos de Verán que tiveron a oportunidade de testar o circuíto, como unha actividade dentro deste programa de conciliación familiar deseñado polo Concello de Cervo para os meses de verán.
Tal e como explicaron, ao tratarse dun evento federado, as categorías xa veñen marcadas pola propia Federación Galega de Ciclismo e son: Promesa Fem., Principiante Fem., Infantil Fem., Infantil, Benxamín Fem., Benxamín, Promesa B, Promesa A, Principiante B, Principiante A, Alevín B, Alevín A, Alevín Fem.
Os pequenos que estean federados e interesados en inscribirse na proba poden facelo de xeito gratuíto a través do enlace
https://yosoyciclista.com/index.php/smartweb/inscripciones/prueba/12206 ou do Facebook/medelamtb; os non federados terán que abonar 5 euros o mesmo día da ruta tras cubrir previamente o formulario no enlace https://docs.google.com/forms/d/e/1FAIpQLSd9nBprfkYaxNVP3AbtuQx0ww1xO8yrOgnLtLffVRiTLr2aPg/viewform?sp=sf_link&fbclid=IwAR31TovCH6P-9Yn7MsSqKM_Fflc7F2TFwDj_q_uLbZl3oI0Q21G_3LlaotY

O número máximo de participantes está fixado en 500 e o período de preinscrición remata o mércores, 4 de setembro, ás 23:59 horas.

Desde a organización explicaron que a recollida dos dorsais será o mesmo día da proba entre as 9:30 e as 10:30 horas, e os participantes poderán adestrar antes de que dea comezo a competición cuxo arrinque está previsto para as 11:00 horas, con carreiras programadas nas diferentes categorías durante toda a mañá ata as15:00 horas.
Precisaron que levan traballando no trazado do circuíto máis de medio ano e que as sensacións, logo das moitas horas de traballo investidas, son moi boas “porque xa foi probado neste tempo por moitos nenos procedentes de diferentes clubs da zona cunha gran acollida, polo que cremos que vai gustar”.

Villares quixo agradecerlles aos rapaces do Club Medela, unha vez máis, a súa gran dedicación “xa que están a investir moitas horas do seu tempo para poder poñer en marcha iniciativas deste tipo conseguindo que Cervo sexa un escenario excepcional e un referente para a práctica do ciclismo e inculcando desde as idades máis temperás a importancia que ten actividade física no día a día”. Polo que desde o Concello –engadiu- “non podemos máis que poñernos á súa disposición e colaborar en todo canto está na nosa man, como sempre vimos facendo con todas as asociacións e colectivos que traballan polo dinamismo do noso municipio”.

No recinto haberá venda de bebidas, bolos preñados e empanada; e habilitarase unha zona para o estacionamento dos vehículos, recomendando aparcar na zona do Local Social de Lieiro.

Exit mobile version