Site icon Crónica3.com A Mariña

O colectivo En Marea Ribadeo califica de “Laios por un accidente” o episodio do vertido no Eo

Ribadeo, 28 de agosto de 2019. Pasadas setenta e duas horas do verquido de purines na Ría de Ribadeo temos lído ou escoitado ducias de comentarios nos medios tradicionais, nas redes sociais e mesmo nas tertulias de mostrador. O denominador común da gran maioría destes comentarios son os laios e choros polo que moitos califican de “accidente”. Alcaldes, concelleiros e outros responsabeis políticos son os mais expresivos, falando cadaquén do seu problema particular como se estivese nunha especie de microcosmos autónomo e imaxinario e sempre buscando explicacións conxunturais, illando o caso concreto e agochando a constelación causal que está no fondo destes chamados “accidentes”. Escasísimas son as mensaxes que intentan analizar este asunto como a punta dun iceberg con fondas raigañas de intereses e nulas as propostas concretas de medidas preventivas, contidas na lexislación vixente.

Non nos imos extender no que todo o mundo sabe e non se quer ver cando se elixe vivir da poltrona. A gandería intensiva de tipo industrial foi abandonada por Europa no século pasado, xenera un enorme impacto ambiental e unha dependencia económica, tecnolóxica e social que non se compensan cos eventuais beneficios. Os verquidos micro, macro, disimulados ou intermitentes van inevitablemente unidos a este modelo. Pero nunca se recontan nos informes trufados de conflictos de intereses.

Pola outra banda a Ría de Ribadeo debera estar acollida a un Plan de Protección que xa esixia a lei 4/89 de 28 de marzo. En novembro de 2019 cumpliranse os 30 anos dende que a ría foi declarada Zona de Especial Protección de Aves e polo tanto as administracións públicas estarían obligadas a redactar e aprobar unha norma específica de protección. Ao longo de estes anos pasaron ducias de alcaldes, deputados autonómicos, provinciais e estatais polos concellos de Ribadeo, Vegadeo, Trabada e Santiso de Abres pero ainda non chegou o primeiro que se prantexase como obxectivo a protección da Ría de Ribadeo.

En fin, o que todos sabemos, moitos choros para seguir zugando do teto, pero aos políticos do sistema non lles interesa cumprir a lexislación vixente.

COLECTIVO EN MAREA RIBADEO

Exit mobile version