Barreiros, 9 de agosto de 2019. O Cámping A Gaivota de Barreiros traballa para poñer en marcha unha escola de surf e unha surf camp para estes deportistas (aloxamentos singulares para surfistas). O propietario destas instalacións, Celso Dourado, anuncia que este proxecto verá a luz en setembro.
Dourado explicou que “dende o Cámping A Gaivota levamos un tempo traballando na creación dunha escola de surf e paralela a ela a creación dunha surf camp, que serían unha serie de aloxamentos na súa maioría móbiles pensados única e exclusivamente para os surfistas”.
O xerente e propietario do Cámping A Gaivota, de Barreiros, dixo que “é unha idea que nos estivo a roldar durante os últimos anos, dada a enorme afluencia de surfistas que temos no noso cámping porque xusto diante del se dan as condicións idóneas para a práctica deste deporte. Son un pouquiño unha serie de surfistas vascos, en concreto de Sopelana, os que están traballando con nós para que poñamos en marcha esta iniciativa un tanto complexa, pero que co seu asesoramento esperamos sacala adiante. Os aloxamentos van ser moi singulares, moi orixinais, e están pensados sobre todo para estes deportistas”.
Celso Dourado engadiu que “estamos dándolle forma ao proxecto, coa posible sociedade con xente preparada dentro do mundo do surf para a creación da escola, e os aloxamentos na súa gran parte están en marcha. Esperamos dalos rematados cara a setembro e senón si que terían que esperar á próxima tempada. Intentaremos empezar coa escola de surf a últimos de verán. A posta en marcha desta iniciativa, a escola de surf e a surf camp, foi lenta dado unha serie de condicionamentos, pero esperamos cara a setembro tela un pouquiño en marcha, para o torneo de Pantín, en Ferrol, ter esta iniciativa collendo xeito”.
A surf camp súmase á oferta do Cámping A Gaivota que conta tamén con caseríos e cabanas dotadas de cociña, menaxe, frigorífico, baño, sala de estar-comedor, dormitorios e terraza.
O Cámping A Gaivota ten un área de acampada totalmente arbolada e coas parcelas delimitadas con setos vexetais. Entre os servizos que ofrece aos seus clientes están o de bar-cafetería, tenda de alimentación, parque infantil, zona de barbacoas, bañera para bebés, lavadora, secadora…
Hai trinta anos que se poñía en marcha esta instalación na que a madeira, o cristal e a pedra son os elementos principais da súa construción, deseñada e realizada por Celso Dourado.