A Pontenova, 30 de agosto 2019 Desde o BNG na Pontenova afirman que o pasado 25 de agosto tiveron constancia da existencia dun punto de verquido de augas residuais urbanas sen depurar nas inmediacións do Pozo da Ola, polo que denunciaron esta situación ante a Confederación Hidrográfica do Cantábrico, esperando a que se solucione este grave atentado contra o río Eo e as especies que viven nel.
Desde o BNG interesáronse tamén polo estado da calidade da auga de baño na zona do “Pozo da Ola”, xa que dende hai anos non se ten constancia de informes a pesares de que deu positivo por contaminación bacteriana.
Os nacionalistas dirixíronse tamén á Consellería de Sanidade na procura de información, confirmando este departamento autonómico que a zona foi retirada do censo oficial das zonas de baño da Xunta porque incumpría sistemáticamente os parámetros mínimos de calidade de augas de baño no tocante a microorganismos e, polo tanto, a zona leva prohibida ó baño dende o 2011.
No BNG amosan a súa preocupación ao comprbar que non existe ningún cartaz que indique esta situación en ningunha das marxes da zona de baño, o cal consideran gravísimo e unha irresponsabilidade absoluta por parte do Concello e do Alcalde e que atenta directamente contra a Saúde Pública e a seguridade das persoas que se seguen a bañar alí a día de hoxe.
“Sen entrar na responsabilidade penal ou administrativa que poidan ter os responsables de tal neglixencia (a cal descoñecemos se existe), queremos informar a toda a poboación de que pola súa seguridade non se bañen na zona de Pozo da Ola”, rematan decindo desde a formación nacionalista, e instan ao concello a tomar cartas no asunto diante deste grave feito que atenta contra o noso río, o noso principal recurso turístico e o noso medioambiente.