Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG esixe a Alfredo Llano unha solución de urxencia para a grada do campo de Fútbol da Marosa

Burela, 20 de agosto, 2019. En datas pasadas o BNG de Burela, á vista da situación da grada do campo de fútbol da Marosa, solicitaba un informe existente no concello sobre o estado da mesma ademáis do contrato de mantemento do campo de herba artificial. “Non nos deron acceso a ningún dos documentos, solicitados polo rexistro electrónico, non sei que queren esconder ou que medo teñen. Logo énchense a boca falando de democratizar e de participación” indicou o voceiro do BNG Mario Pillado.
Os nacionalistas, que se enteraron do contido dese informe pola prensa, cren que “non chega con que o señor Llano diga que vai derribar a grada e facer unha nova, que nos parece razoable se é o que di o informe, ou que diga que vai haber que recolocar o bar, ten que dar unha solución para os vestiarios que hai debaixo da mesma, porque os emprega a SD Burela e precisa desa instalación para o traballo cotiá, son de vital importancia” sinalou Pillado.

Este momento ten que servir para que o concello se comprometa a levar un mantemento real de tódalas instalacións do complexo deportivo da Marosa.

Como xa dixeron semanas atrais, no BNG cren que existe un abandono total no mantemento, algo que continuamente lle fan chegar ó goberno os usuarios das mesmas. “Nós seguiremos agardando pola documentación que solicitamos, se o selor Llano ten a ben facérnola chegar, pero xa sabemos que por exemplo ó campo de herba artificial fai un ano que non vai ninguén da empresa de mantemento e, polo tanto, o goberno municipal ten que facer cumprir o contrato para que o mantemento sexa real” describiu o voceiro nacionalista.
“Temos constancia ademáis de queixas dos usuarios nos servizos da praia da Marosa por problemas de estancamento de auga, o que fala da total deixadez de funcións do equipo de goberno, posto que nesta época de Verán esta instalación tiña que estar a pleno rendemento e sen problemas de ningún tipo” comentou Pillado, quen rematou referíndose ó goberno socialista, que “seguen de vacacións, sen cumprir coas súas obrigas e sen servir á veciñanza”.

Exit mobile version