-Os gastos xerados pola organización das Festas do Oito mentres Eduardo Chao ostentou os cargos de tenente alcalde e responsable da área de Cultura foron totalmente xustificados, tendo sempre en conta os recursos económicos do municipio e xestionando as contratacións precisas para que o pobo gozase dunhas dignas festas patronais.
A totalidade das facturas emitidas están a disposición de quen desexe comprobalas, pois todo movemento de fondos públicos foi xestionado baixo as premisas de máxima transparencia e honestidade.
-Desde o BNG esperamos que tras a celebración da presente edición das Festas do Oito tamén sexa posible a comprobación dos gastos xerados, pois polo ben dos veciños, os concelleiros nacionalistas pedirán contas e revisarán a documentación pertinente.
-Se na actualidade o Concello non ten soltura económica para organizar unhas festas dignas non é culpa de quen as organizou ata agora, senón dun goberno que non foi capaz de aprobar os presupostos, logo de romper o acordo co seu socio de goberno, e deixando o municipio nunha situación de precaria gobernabilidade.
O actual goberno foi incapaz de sacar adiante uns presupostos e continúa a empregar os presupostos prorrogados, e cómpre recordar que xa no ano 2018 traballou con orzamentos prorrogados. Parece que o PSOE local non ve o negativo que resulta para o municipio perpetuar unha situación de parálise que pode acabar afectando ao desenvolvemento económico do Valadouro.
Queremos recordar que non foron os concelleiros do BNG quen se volveron atrás despois de ter concluídas as negociacións, xa que foron os concelleiros do PSOE quen ignoraron os puntos negociados e propiciaron a actual situación de infragobernabilidade.