Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Cervo presenta varias propostas para a mellora da contorna do Conxunto Histórico-Artístico de Sargadelos

 Cervo, 25 de agosto de 2019. O Conxunto Histórico-Artístico de Sargadelos, dado o seu valor patrimonial e paisaxístico, é dende hai moitos anos unha visita obrigada para todos os turistas que pasan pola nosa comarca, así como unha zona de lecer e ocio para a veciñanza de Cervo e dos concellos limítrofes. Esta afluencia de xente está a verse incrementada pola boa acollida que están a ter as distintas iniciativas comerciais que se instalaron nas antigas carboeiras e cabalarizas. É por iso que as medidas que propón o BNG de Cervo, sendo xa necesarias con anterioridade, agora fanse indispensables para a preservación do entorno e o patrimonio, pero tamén para a seguridade dos visitantes.

Para o BNG de Cervo é preciso actuar en primeiro lugar na seguridade viaria, para o que propón reducir a velocidade de paso dos vehículos por esa zona e organizar as zonas de aparcamento para maximizar o aproveitamento do espazo existente e evitar que os coches se apropien do espazo natural.

En segundo lugar, e tendo en conta que son moitas as familias que utilizan esta zona como área de recreo infantil, é preciso tomar as medidas axeitadas para evitar riscos innecesarios e previr a posibilidade de que se produza un accidente. Así, propón o BNG de Cervo, a reparación de todas as estruturas de madeira (pasamáns, pontes, etc.) que se atopan na actualidade nun lamentable estado de deterioro. Tamén limitar ou regular o acceso a determinadas zonas que son potencialmente perigosas (teitos, interior de edificacións semirestauradas…).

En terceiro lugar o BNG de Cervo considera fundamental que se actúe de xeito decidido na posta en valor da singularidade e importancia de todo o Conxunto Histórico-Artístico, dándoo a coñecer mediante sinalización das distintas estruturas que o conforman e coa instalación de paneis informativos-explicativos da importancia histórica do conxunto industrial e do seu entorno. Tamén é preciso mellorar o mantemento do Conxunto con labores periódicas de restauración e mantemento, así como a imaxe do entorno aumentando a periodicidade da recollida de contedores de lixo e sobre todo os selectivos, que gran parte deste verán apareceron desbordados de vidro e cartón.

É lamentable que unha iniciativa tan interesante e enriquecedora para Cervo se converta, unha vez máis, nun artefacto propagandístico e de autobombo que, unha vez anunciado, careza de contido e de seguimento para converter Sargadelos no punto de referente cultural que o concello necesita. En definitiva, o BNG de Cervo reclama o coidado deste tesouro patrimonial que temos, que é un dos destinos “obrigados” para todas as persoas que visitan a nosa comarca, incrementando a seguridade, para que os nenos e nenas xoguen sen poñer en perigo a súa integridade física e inculcando, mediante o coñecemento da súa relevancia histórica, o respecto e coidado que precisa un lugar tan valioso.

Exit mobile version