Fernando Suárez explicou que “celebramos onte o pleno que forzou a convocatoria do Partido Popular de Ribadeo sobre o suposto mal funcionamento do centro de atención de persoas maiores de Ribadeo. Desde o goberno municipal fomos e somos, desde o minuto un, sensibles ao que poida pasar alí porque se dalgunha cousa somos culpables é de poder ter realizado esta obra e de poñer a andar esta residencia para honra dos nosos paisanos e das nosas paisanas. Hai xa uns días convocamos a todos os grupos a unha comisión informativa onde viñeron os máximos responsables do funcionamento deste centro para darlles cumprida información aos corporativos das dúbidas que puideran ter. Así veu a directora do centro, que é persoal laboral da Deputación, tamén veu a funcionaria responsable do contrato entre a Deputación e a empresa que executa os servizos, e tamén veu o asistente social municipal”.
O rexedor contou que “nesta xuntanza deron cumprida información e responderon a todas as preguntas que lles puideran ter feito e onde quedaron aclarados varios aspectos moi importantes. En primeiro lugar que o centro sempre traballou cumprindo a ratio de usuario-persoal, e que nos traslados de usuarios ao centro de saúde ou consultas médicas cumpriuse a normativa establecida na lexislación de aplicación e nos pregos de prescricións técnicas. Tamén dixeron que o persoal que iniciou o traballo no centro e que ao cabo duns días non volveu, ben porque renunciou ou porque non pasou as probas, foi debidamente substituído por persoal coa titulación requirida e coa mesma xornada laboral, e que en definitiva, por problemas alleos ao Concello e á Deputación, aproximadamente durante quince días non se puido usar a cociña principal polo que, atendendo aos criterios dos técnicos, botamos man da contratación legal dun servizo de cátering da mellor calidade e de cercanía que funcionou marabillosamente. Desde hai xa varias semanas, o servizo de cociña está integralmente funcionando coa cociña da residencia sen maior problema. Finalmente, como todo o mundo pode comprender e como na vida mesma, a apertura dun centro novo, con novos usuarios e novos traballadores, supón un reto e un desafío no que sempre se van producir incidencias. Todas estas incidencias que ocorren aquí, e máis na China Popular, están sendo corrixidas e sempre con maior esmero e atención tanto por parte da Deputación, a través do seu persoal de dirección, como do Concello de Ribadeo”.
Suárez Barcia dixo que “toda esta explicación dada polos técnicos o outro día na comisión informativa, e da que quedaron conformes os diferentes voceiros e así figura na acta redactada polo secretario, serviulle de pouco ao voceiro do PP no pleno de onte e a aquela máxima de que non podía permitir que a realidade lle puidese cambiar un bonito titular. De aí que fixo gala desta correspondente dose que ten de alarma, de excitación, de sobreactuación, e deixou ben ás claras que pouca idea ten do funcionamento real das cousas, xa que mesmo quedou en ridículo ao descoñecer que o permiso de inicio de actividade o deu a propia Xunta de Galicia, que non o dá o Concello con ningunha licenza de apertura inexistente, na lexislación actual. Polo que xa indica o nivel de debate e de argumentario facendo gala daquela máxima popular de que moito ruído e poucas noces”.
O alcalde ribadense subliña que “o centro funcionou e funciona ben. Hai 26 usuarios e usuarias e nos vindeiros días irán entrando paseniñamente outros 18 máis, por mor da última comisión de valoración celebrada a semana pasada. É un orgullo para Ribadeo ter este centro que, como todo na vida que é novo, pode ter incidencias que se van resolvendo de maneira inmediata e eficaz, e se de algo somos culpables é de telo feito e loitado xunto coa Deputación para mantelo e lograr que funcione. Todo isto a pesares de que a Xunta do PP non deu un can en ningún momento nestes anos anteriores, amolou canto puido e un pouco máis, e agora este novo concelleiro, con ansias de bombeiro pirómano, queira botar terra en algo que tanto custou. Desde logo que non vai ser así, imos seguir traballando duramente e seguir sendo transparentes, pero non imos pasar ningunha mentira que esta persoa queira levar adiante”.