Pilar Otero, a concelleira de Cultura, explica que “este traslado vén motivado polo enorme éxito acadado, xa que cerca de 3.000 persoas puideron gozar desta primeira exposición fotográfica de temática de patrimonio cultural subacuático galego, neste caso da ría de Ribadeo, e co ánimo de responder á grande demanda do público”.
A edil ribadense di: “desde o Concello de Ribadeo convidamos a seguir visitando nas instalacións do Club Náutico esta mostra que destaca polo seu valor histórico-arqueolóxico e que nos amosa a variedade e riqueza das cerámicas atopadas, datadas desde o século XVI. Este feito dá conta das vizosas relacións comerciais dun porto importantísimo, vinculado con destinos tan distantes como Gran Bretaña, Flandres ou Alemaña”.
Otero engadiu que “neste novo emprazamento tamén se pode seguir visionando o documental no que se explica a importancia e o valor dos restos e no que se pode admirar o patrimonio arqueolóxico subacuático”.