Xove, 2 de agosto, 2.019. Este domingo abre en Xove unha interesantísima exposición de modelismo naval. Conformada por 15 barcos de distintas clases e épocas, trátase dun traballo realmente exquisito, froito do talento e de moita paciencia, xa que esta é unha clase de actividade que require moito esforzo e maña, posto que moitas das pezas que conforman os barcos teñen un tamaño mínimo, e deben ser reproducidas coa maior fidelidade posible.
O autor das maquetas é o celeirense Severino Balseiro, que expón por primeira vez en Xove o seu traballo.
Severino, nado en Celeiro en 1955, adícase a esta actividade dende o ano 2000. As maquetas son da súa propiedade e non están en venda.
A exposición, que leva o título “Exposición de barcos estáticos e Navegación de radio control”, vai estar aberta diariamente do domingo 4 ao domingo 11 de agosto, ámbolos incluídos. Os horarios de apertura, son:
Domingo, 4 de agosto: de 17:00 a 21:00 horas.
Luns 5 a sábado 10 de agosto: de 10:00 a 14:00 horas.
Domingo 11 de agosto: de 11:00 a 13:30 horas.
Está montada na Sala de Exposicións da Oficina Municipal de Turismo de Xove, na Avenida Deputación.
Dentro desta exposición celebrarase unha exhibición de barcos radio controlados na Piscina Municipal de Xove o venres 9 de agosto, con entrada libre.
A organización desta exposición corre a cargo da Concellería de Cultura do Concello de Xove.