A inacción do goberno da Xunta ante a aparición no 2012 da vespa velutina en Galiza provocou que despois de sete anos de que entrara en terras galegas avanzara imparábel e prácticamente fóra de control, obrigando á veciñanza, agricultorxs, produtorxs e apicultorxs, así como ás administracións locais, a enfrontarse a esta praga (a Xunta segue a negar a día de hoxe poder declarala como tal) para intentar combater o seu avance.
A Comarca da Mariña constitúe unha das zonas cero da presenza da avespa asiática en Galiza desde que fora avistada por primeira vez no 2012 en Burela. Xs traballadorxs forestais, agricultorxs, produtorxs de froita, apicultorxs e veciñanza de Viveiro veñen sufrindo desde entón as consecuencias desta praga que ataca con especial virulencia ás abellas autóctonas e devora flores, froitas e uvas principalmente e que resulta mortífera para as persoas alérxicas ao seu veleno.
Segundo os datos rexistrados pola Consellería de Medio Rural, no concello de Viveiro detectáronse máis de 100 niños de velutinas a 31 de decembro de 2018 (datos que están moi alonxados da realidade posto que expertos na súa detección falan de máis de 500 niños retirados no 2018 no concello de Viveiro) e os datos recollidos no mapa de detección de niños de velutinas desta Consellería, ata o 12 de agosto de 2019, xa sobrepasa os 100 niños en Viveiro, o que apuntan a que este ano superará a cifra do 2018, posto que durante a época estival a colonia vai aumentando de tamaño ata acadar o seu máximo de exemplares nos meses de setembro e/ou outubro. Por outra banda, estes meses coinciden coa campaña da sidra, sendo cando xs produtorxs das mazás, teñen que collelo froito das árbores, o que supón un perigo engadido para xs traballadorxs e propietarixs das plantacións que poden atoparse de súpeto con niños de velutinas situados no alto das froiteiras, coas graves consecuencias que pode acarrear isto.
Desde o BNG entendemos que a presenza da avespa asiática non é so un problema agropecuario ou gandeiro, senón que é unha ameaza á saúde pública e ao equilibrio medioambiental, e sendo coñecedores de numerosos incidentes e accidentes sufridos por traballadorxs e veciñanza de Viveiro polos ataques de velutinas (últimos casos coñecidos no mes de agosto) e dun grande número de colmeas destruídas por esta praga queremos trasladarlle as seguintes preguntas no próximo pleno:
O goberno de Viveiro está a desenvolver algún Plan de contención da avespa velutina no termo municipal? E se é así, que medidas e accións se puxeron en marcha con este plan e cales son os datos detallados por parroquias do número de colmeas destruídas até a actualidade por esta praga e o seu custo económico, así como os resultados dos traballos de trampeo e retirada de niños realizados no 2018 e no que vai do 2019 polos equipos profesionais das administracións, xs apicultorxs da zona e a veciñanza?
O Concello de Viveiro está a realizar sesións de formación específica periódicas xs apicultorxs e produtorxs afectados por esta praga (tales como a realización de trapeos selectivos controlados e con asesoramento para minimizar os danos medioambientais e ás colmeas) e campañas informativas polas parroquias do concello para que a poboación saiba exactamente a que organismo se ten que dirixir en caso de atoparse cun niño e como reaccionar ante os ataques da velutina?
Cales son os recursos dos que dispón o concello (número de profesionais e material) para a retirada de niños de velutina? Pode informarnos do número de equipos de protección individual, pértigas e trampas e ou líquido atraente que distribuiu a Consellería de Medio Rural no 2018 e 2019 ao concello e ou apicultorxs de Viveiro?
Veciñxs de Viveiro quéixanse do tempo de resposta das administracións ante as súas chamadas de alerta da presencia de velutinas e lamentan que a Xunta lles obrigue a localizar os niños das velutinas antes de proceder á enviar un equipo para a súa retirada. Por outro lado, en decembro de 2018 a Consellería de Medio Ambiente dixo que ía reforzar ao longo do 2019 a retirada de niños primarios en Viveiro. Á vista destas denuncias deducimos que os traballos de reforzo non inclúen a detección dos niños…Ten información o concello en que consiste este “reforzo” exactamente e os datos e cifras ao respecto dos resultados deste reforzo anunciado pola Xunta?