O concelleiro de Desenvolvemento Local, Pablo Vizoso, explica que “celebramos este día do produto local no Mercado dos Domingos porque entendemos que é o mellor lugar para comezar a valorar o produto local, por ser o mercado de produtores e produtoras locais onde se achega directamente os produtos ao consumidor, das persoas produtoras á mesa, poñendo en valor a economía máis próxima e potenciando o consumo de tempada e responsable”.
O edil ribadense sinala que “durante a mañá do 11 de agosto o Mercado dos Domingos ademais de acoller a venda directa dos produtores e produtoras que habitualmente asisten a esta cita, será escenario de diversas actividades co obxecto de valorar o produto local e animar o mercado. Desde primeira hora poderemos gozar cunha mostra de produtos locais de tempada. As 11:30 horas dará comezo dentro do espazo Experiencias do Mercado a Cociña sostible do Eo, na que a través dun showcooking feito con produtos do mercado achegáranos as diferentes posibilidades e beneficios do emprego dos produtos da zona na nosa alimentación e o seu impacto na economía local. E xa entre as 12:30 e as 14:00 horas haberá música tamén no Mercado dos Domingos, que será a animado polo grupo Dos Folk”.
Pablo Vizoso anima “a pasar a mañá do vindeiro domingo dun xeito diferente, dando unha volta polo noso Mercado dos Domingos no que poderemos apreciar unha ampla variedade de produtos de tempada desta zona e gozar das actividades organizadas para celebrar este Día do Produto Local en Ribadeo”.