Ribadeo, 2 de agosto de 2019. Do 3 ao 18 de agosto estará aberta no Forte de San Damián a exposición Ribadeo, o que a ría esconde. Trátase dunha mostra de 50 fotografías dos restos arqueolóxicos localizados polo Club de Actividades Subacuáticas Illa Pancha. Mañá, sábado, pola tarde será a inauguración. Haberá antes unha charla, a proxección dun documental e unha visita guiada. Colaboran coa organización da exposición, que foi presentada hoxe, o Concello de Ribadeo e Acisa.
A concelleira de Cultura, Pilar Otero, manifestou que “presentamos a exposición de fotografía submarina Ribadeo, o que a ría esconde, que vai ocupar as salas do Forte San Damián ata o 18 de agosto e que mañá, sábado, inauguraremos ás seis e media da tarde. Como dicimos, a exposición dura ata o 18 deste mes de agosto, mais recomendamos a asistencia á charla que mañá, antes da inauguración, ás 17.30, nos van ofrecer persoas dos diferentes ámbitos de estudo relacionados co material descuberto e que, a ben seguro, resultará interesantísima e clarificadora”.
A edil ribadense subliñou que “convén destacar que esta é a primeira exposición fotográfica que se inaugura cunha temática de patrimonio cultural subacuático galego, neste caso da ría de Ribadeo. Temos aquí, na nosa ría de Ribadeo, unha riqueza histórico/arqueolóxica das máis importantes xa non da península, senón de Europa e case me atrevería a dicir do mundo, con naufraxios de fama internacional e importantes elementos do patrimonio arqueolóxico subacuático de Galiza, algúns xa rescatados e ocupando un lugar de honra dentro da exposición Mare Nostrum do Museo do Mar de Galicia, en Vigo”.
Na súa intervención Pilar Otero engadiu que “o conxunto principal da exposición baséase nun total de 1250 fotos de restos arqueolóxicos tomadas dos fondos da ría ao longo de moitos anos de mergullos dos membros do Club de Actividades Subacuáticas Illa Pancha de Ribadeo. A empresa Argos encargouse da difícil selección das 50 fotografías que forman a exposición e da súa identificación en canto a orixe e cronoloxía, e en xeral do apoio científico e técnico desta iniciativa do Club de Actividades Subacuáticas Illa Pancha, que ten o apoio de Acisa e do Concello de Ribadeo”.
A concelleira de Cultura animou “a todo o mundo a visitar esta mostra que destaca, como xa dixemos, polo seu valor histórico-arqueolóxico e que nos amosa a variedade e riqueza das cerámicas atopadas, datadas desde o século XVI, o que nos da conta das relacións comerciais vizosas dun porto importantísimo, vinculado con destinos tan distantes como Gran Bretaña, Flandres ou Alemaña. Para complementar a exposición tamén se fixo un documental no que se explica a importancia e o valor dos restos atopados e no que se pode admirar o patrimonio arqueolóxico subacuático. Este documental ocupará unha das salas grandes do Forte e poderá verse durante todo o período expositivo”.
Tamén houbo un capítulo para os agradecementos: “para rematar, so quero engadir que nos alegramos deste paso adiante na divulgación deste tesouro que esconde a nosa ría e agradecemos ter compañeiros de viaxe coma os representantes das entidades que temos hoxe con nós. Entendemos que é un esforzo enorme o que debe facerse e son ben recibidas todas as achegas para poñer en valor o noso patrimonio. Por iso temos que agradecer a colaboración da Xunta de Galicia a través do programa Xacobeo 2021 que subvenciona unha parte do coidado e atención da exposición”.
O presidente do Club de Actividades Subacuáticas Illa Pancha, Chema Sanjurjo, explicou que “o título da exposición Ribadeo, o que a ría esconde recórdame cando me iniciei no mergullo, cun equipo precario composto dunhas gafas, unhas aletas e unha camiseta, con Suso Peña, meu primo. Cando mergullabamos no entorno onde se encontran moitas destas pezas, que é na zona do Forte, sentábase no torreón e dicíame: se puideramos achicar a ría imaxínaste o que esconde. Polo tanto é unha pequena homenaxe a el. E eu, cada vez que vou mergullar e fago inmersións nesa zona, sempre me pregunto que será o que a ría esconde”.
O fotógrafo do Club Illa Pancha, Javier Gallego, subliñou que “el objetivo nuestro es reivindicar un sitio donde se puedan exponer aquí, en el Concello todos los restos arqueológicos que hemos localizado. Ahora lo vamos a hacer de forma fotográfica, pero queremos que se tome conciencia de que en un futuro próximo se abra un museo; sé que es muy difícil, pero es la manera de que lo que hay en la zona se quede aquí y no termine en museos de otros sitios, donde muchas veces lo que hacen es meterlo en un cajón y ahí queda por los siglos de los siglos, cuando aquí, a lo mejor, tendría una importancia turística y cultural para la zona de la ría”. Javier Gallego leva 35 anos buceando na ría e fotografando todo o que nela se atopa.
A inauguración da exposición Ribadeo, o que a ría esconde será mañá, 3 de agosto, ás 18:30 horas no Forte de San Damián. Pero antes haberá un acto, tal e como deu a coñecer o arqueólogo David Fernández: “ás cinco e media da tarde faremos un pequeno acto, dunha hora de duración, no que estaremos seis persoas na mesa falando polo miúdo de cómo foi o desenrolo deste proxecto desde os seus inicios, desde a proposta, sobre todo de Javier e de Chema, ata a realización e a presentación desta exposición. Temos tamén un documental que complementa esta exposición e creo que serve moito para ver eses restos in situ e tamén para explicar a súa orixe e importancia”.
Fernández engadiu: “e tanto eu como a miña compañeira Diana Blanco, que é a restauradora que se encargou da restauración do restos do 2011, falaremos tamén do que deu orixe a esta colaboración de hoxe, que foi o inicio do proxecto de carta arqueolóxica subacuática de Galicia, que un dos puntos onde se comezou foi na ría de Ribadeo, encargada pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, a través dun convenio co Ministerio de Cultura”.
Pola súa banda, o xerente de Acisa, Jesús Pérez, dixo que “desde Acisa queremos dar as grazas á organización por ternos en conta. Como en todas as colaboracións de Acisa, facémolo da forma máis axeitada que podemos aos nosos recursos e agradecemos o que vai supoñer esta exposición para Ribadeo, porque será un atractivo máis a nivel turístico e cultural e polo tanto tamén economicamente porque todas as actividades que se fan teñen unha repercusión económica. A través dos nosos asociados daremos toda a difusión posible desta exposición, especialmente por parte dos hoteis, que a engadirán nas súas axendas para que visitantes e veciños teñan toda a información desta exposición e poidan acudir a gozar dela”.