Site icon Crónica3.com A Mariña

“Despois da loita pola construción da residencia de maiores de Ribadeo”, por Antonio Gregorio Montes

Residencia de maiores en Ribadeo: unha vez rematada e presentada á sociedade ribadense, tras pasar as eleccións fíxose un acto de acollida ós primeiros residentes. E comezou o postparto.

Coido que é unha imaxe adecuada: lograr un embarazo pode ser doado ou non, pode ser festivo, pero en calquera caso, necesita dun querer, dunha vontade previa, e non exime de coidados durante o período de embarazo. E, unha vez parida, hai que coidar da creatura, pois por si soa non pode vivir.

En Ribadeo houbo unha loita para conseguir o apoio dos poderes públicos, e logo un seguemento e apoio para levar a bó fin o proxecto. Mais chegou o día, a residencia está aberta e hai que coidar da creatura. Un novo período.

O caso é que vivir non ten por que ser doado, e neste caso, dende o primeiro momento hai complicacións. Comezou a cousa mesmo antes do nacemento, cando se aludiu á imposibilidade de facerse cargo directamente dende as entidades públicas e abocouse a unha xestión por parte de entidades privadas. Houbo unha primeira licitación, que foi recurrida, e a cousa rematou nunha hidra empresarial con cabezas nas finanzas ou na sanidade, pasando tamén, claro está, polo coidado dos vellos. E primeira puntualización: úsase a palabra maiores, tamén anciáns, porque o de vellos parece que implica un uso e desgaste, algo así como unha cousa con utilidade xa reducida. E úsoa aquí non porque considere que os maiores son cousas, senón porque con tantas adicacións da empresa (por iso o de hidra), ó final, non en Ribadeo, pero si no lugar de onde dependa, onde teña a central, en Madrid, o que van ver vai ser tan só números: unha persoa, unha unidade de cálculo.

Na pequena festa de recepción dos primeiros ocupantes non escoitei nada sobre eivas das instalacións ou do persoal. Mais algo debía de haber: o cátering é de supoñer que xa estivera encargado o primeiro día debido a que non se dispoñía de gas nas instalacións. De igual xeito, a marcha voluntaria de dúas empregadas ós poucos días tardou en saír nos papeis, en facerse visible, e con ela, un trasfondo de precariedade no persoal. Pouco importa que se estiveran cumprindo as normas, se as normas non son adecuadas. E, non esquezamos, as normas pódense cambiar, e débense cambiar para adecualas a un mellor funcionamento.

Dende aquel momento de fotos ata o de agora van dous meses. Se alguén quixo información sobre o desenvolvemento da residencia tivo que procurala pola súa conta: canto se tardou en suplir a marcha das dúas traballadoras? Canto persoal queda -agora- pola noite ó cargo? Está solucionado o subministro de gas e polo tanto o facer a comida no propio centro? O de desaiunar ás dez por non dar levantado á xente por falta de persoal é unha lenda urbana ou algo que segue a facerse?

Oportunidades políticas aparte para pedir un pleno extraordinario, a sociedade necesita información e atención para crer que a residencia vai ben. E mentres non se dea entrada á súa participación, non terá un mínimo de seguridade cara ó futuro. Por certo, nestes momentos a convocatoria de pleno extraordinario non aparece na sede electrónica do concello, nin se trata na nota de prensa correspondente ós plenos do mércores 14 de agosto, mentres que si aparece en ambos lugares o segundo dos plenos extraordinarios, adicado ós festivos locais (do próximo ano), gastos do Ribadeo indiano (modificación do previsto), obras no estadio de fútbol (hai que procurar os cartos), e necesidades extraordinarias semellantes.

Cando dende a Plataforma Pro Residencia de Maiores decidimos alegar as normas de funcionamento previstas (e obtivemos unha promesa para o futuro que esperamos que se concrete) ou propor a constitución dunha asociación, a ASOCIACIÓN SOCIAL PRO MAIORES JOSÉ MARÍA RODRÍGUEZ, tíñamos en conta que o coidado dos nosos maiores non remata coa construción dun edificio, senón que é cousa de todos, e todos debemos de participar, detrás das familias, da propia residencia e dos poderes públicos. Non tirándonos os trastos, senón colaborando. Poñendo o noso gran, de xeito construtivo, non só fiscalizando. Tentando facer as cousas o mellor posible, e tendo en conta que as persoas que están sendo atendidas non son culpables de que as cousas non funcionen. Ao menos, non máis culpables que o resto da sociedade.

Exit mobile version