O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que esta orde de achegas beneficiará a negocios repartidos por distintos puntos da provincia, en concreto na Mariña -tres en Ribadeo-; a Zona Sur –dous en Folgoso, e un en Pantón, Taboada e Monforte de Lemos-; dous en Vilalba, e outro en Sarria e na capital luguesa. A meirande parte das axudas –o 41%- destínanse á mellora de hoteis, aínda que tamén acadan ao turismo rural, pensións e apartamentos turísticos.
As achegas, que se enmarcan no Plan MAT de Mellora de Aloxamentos Turísticos que impulsa a Consellería de Cultura e Turismo, poden supoñer para os promotores entre o 30 e o 35 por cento do investimento subvencionable, ata un máximo de 35.000 euros. A través desta orde de axudas, que se convocan en concorrencia competitiva, a Xunta apoia accións de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas nestes negocios; obras para a optimización das instalacións coa finalidade de obter certificacións de calidade, en especial a Q de Calidade Turística; ou actuacións para incrementar a clasificación do establecemento e elevar a súa categoría.
Comprende, así mesmo, iniciativas de climatización que favorezan a sustentabilidade introducindo medidas de aforro enerxético; a modernización das instalacións e do embelecemento do entorno ou a renovación dos equipamentos mobles necesarios para o funcionamento do establecemento de aloxamento nas súas diferentes tipoloxías.
Os destinatarios das subvencións son establecementos turísticos de aloxamento incluídos no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta (REAT), con especial incidencia nas pequenas e medianas empresas do sector. Estes apoios pretenden estimular a incorporación de elementos de sustentabilidade e accesibilidade nas instalacións e a renovación das infraestruturas de cara á modernización e á prestación dos servizos cos maiores estándares de calidade.