Site icon Crónica3.com A Mariña

Con Pólvora e Magnolias. “Temos que facer política”, por Pablo Álvarez Ramos

A democracia representativa basea o seu funcionamento no principio de funcionarios electos que suplen a unha pluralidade de persoas. Case todos os sistemas occidentais modernos son desta natureza: España é unha monarquía constitucional, Irlanda é unha república parlamentaria ou EEUU unha república federal.
Pois ben, eu avogo pola impugnación integral da democracia representativa. Temos que facer política.
Dito así pode semellar unha boutade mais non é.
¿Quere dicir isto que temos que prescindir de calquera tipo de figura representación? O faro da autoxestión e a democracia directa admite matices pero o seu halo é luz que marca o camiño.
¿Como facer política sen políticos? Pois facendo sociedade, organizando a mesma dende abaixo até arriba, asumindo a idade adulta e as responsabilidades inherentes. Todo o demais, incluso a política delegada, é pura trampullada.
Ao concreto: nestes días estamos asistimos ao expedimento de receitas polos partidos para garantir a continuidade da factoría de Alcoa na Mariña así coma ao habitual cruce de recriminacións.
Pois ben, Simone Weil escribía durante a Segunda Guerra Mundial a propósito dos males a súa sociedade e a súa solución; segundo Weil a obriga de tomar posición a favor ou en contra remataba por substituír á obriga de pensar, e a concreción obvia de dita circunstancia eran os partidos políticos cuxa finalidade era o seu propio crecemento, e iso sen límite.
A translación ao modelo español é un mercado da enerxía “cartelizado”, ineficiente e antieconómico pola gracia dos partidos políticos e unha taxa de afiliación sindical do 13,9 % perante países da nosa contorna como Suecia no que se sitúa en cifras superiores ao 60 %. Hai que construír sociedade, hai que facer política.
Outro exemplo claro é o do modelo educativo; tras anos de iluminados e burócratas intentando ensinar o camiño e prescribindo receitas, facendo uso político-partidista da educación dos nosos mozos, vimos de saber que un rapaz burelao de 25 anos que imparte clases de educación física en As Pontes deseñou un novidoso plan para motivar a un alumno con autismo.
Un xogo de Google chamado Dragon City, unha grande dose de enxeño, o deporte como escola de valores e a experiencia dun modelo de atención á diversidade que leva tempo practicándose na vila lucense, trouxo consigo un resultado extraordinario cunha mellora incrible na calidade de vida do neno autista.
Agora só falta que a comunidade educativa tome nota, que poña en valor o suceso e que exporte o modelo.
Xa saben, nas aulas e nas fábricas hai que educar, hai que construír sociedade, cómpre facer política.

Exit mobile version