Ribadeo, 29 de agosto de 2019. Comezaron os traballos de mellora de camiños de acceso a núcleos do concello de Ribadeo. Por un importe superior o medio millón de euros foron adxudicados a dúas empresas os traballos de mellora dos accesos a 17 núcleos de poboación distribuídos por todas as parroquias ribadenses cunha lonxitude total de preto de 13 quilómetros de camiños sobre os que se vai actuar.
O concelleiro de Medio Rural, Jesús Mundiña, explicou que “estas actuacións están divididas en dous proxectos técnicos por zonas: un para a de Ribadeo Interior, que abrangue os núcleos das parroquias de Arante, Cedofeita, Couxela, Covelas e Vilaousende e outro para a de Ribadeo Costa, que afecta aos núcleos de A Devesa, Rinlo, Vilaframil, Piñeira, Vilaselán e Ove”.
Mundiña Acebo indicou que “os traballos consisten en mellorar as características superficiais do pavimento existente mediante un firme de aglomerado asfáltico en quente e nalgúns casos con corredor de zahorra artificial, así como a limpeza de gabias en todos eles e tamén as obras de fábrica necesarias como son sumidoiros, rigolas, pavimentos, sinais de tráfico, etc”.
O edil ribadense engadiu que “estas melloras están financiadas con fondos propios do Concello e pola Deputación de Lugo con cargo o Plan Provincial Único de Cooperación cos Concellos”.
Jesús Mundiña e a alcaldesa en funcións, Mónica Freire, supervisaron esta mañá algúns deses traballos.