Site icon Crónica3.com A Mariña

Coa homenaxe a Eduardo Barreiros, o Henry Ford español, remataron as actividades do VIII Forum de Apaga en Ribadeo

 Ribadeo, 30 de agosto de 2019. Coas actividades en homenaxe a Eduardo Barreiros, o Henry Ford español, do que se cumpre este ano o centenario do seu nacemento, remataron na tarde de hoxe, venres, as actividades do VIII Fórum de Innovación e Formación sobre Vehículos organizado pola Asociación de Profesores de Automoción de Galicia (APAGA) no Centro de Formación e Experimentación Forestal Pedro Murias, de Vilaframil (Ribadeo).
Nos actos, que incluíron a proxección da película titulada Eduardo Barreiros, o Henry Ford español, participaron o director do filme, Simón Casal; o actor principal, Manuel Regueiro; tres enxeñeiros industriais que traballaron na factoría de Barreiros en Madrid (Juan Gayá de Prado, Isaac Espinosa García e Antonio Díaz Canel); o cónsul de Cuba en Santiago de Compostela, Ángel Torres; e o xornalista Martín Fernández Vizoso.
Estas actividades contaron con numerosos asistentes, entre os que estaban os participantes no Fórum, pero tamén outras persoas interesadas na figura de Eduardo Barreiros, destacado industrial da automoción nacido no concello ourensán de Nogueira de Ramuín en 1919 e que faleceu en Cuba en 1992.
Máis de 80 persoas se deron cita no VIII Fórum de Innovación e Formación sobre Vehículos de Apaga desde o pasado martes, día 27, ata a xornada de hoxe.

Exit mobile version