Site icon Crónica3.com A Mariña

Centos de persoas gozaron da primeira xornada de Foz Market 2019 na explanada portuaria. O Alcalde e o presidente do Centro Comercial Aberto visitaron o recinto

 Foz, 15 de agosto de 2019. Ata o vindeiro domingo estará na explanada portuaria Foz Market 2019, onde as food trucks e a música son as protagonistas. O evento está organizado por Ruta Food Trucks, que conta coa colaboración do Concello de Foz e do Centro Comercial Aberto.
Centos de persoas se deron cita xa onte en Foz Market 2019 para saborear algunhas das propostas gastronómicas que ofrecen as food trucks alí instaladas: hamburguesas e perritos quentes de autor, comida peruana, mexicana e xaponesa ou crépes doces e salgadas, entre outras cousas, ademais de orixinais cócteles e outras bebidas.
Por Foz Market 2019 pasaron na xornada do mércores o alcalde focense, Fran Cajoto, e o presidente de ACIA/CCA de Foz, José Carlos Paleo, que estiveron acompañados por varios concelleiros da Corporación Municipal focense, polo presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña, Alfredo Llano, e polo deputado provincial Javier Castiñeira. Todos xuntos percorreron a carpa que acolle esta nova edición de Foz Market para coñecer de preto todas as posibilidades que ofrece: gastronomía, música e zona infantil.
O alcalde, Fran Cajoto, destacou “o bo ambiente que vimos onte, as food trucks están moi en voga e a verdade é que no recinto coa música en vivo, con eses grupos de rock amenizando a xornada, puidemos ver a moita xente de toda a comarca. E iso é o que queremos que haxa oferta durante todo o verán en Foz e que a xente siga visitándonos”. O rexedor tivo palabras de agradecemento para a organización e para Acia Foz: “é importante que haxa unha oferta variada, que non nos quedemos só en eventos para determinado público, senón que todos os rangos de idade, que toda a xente teña unha oferta variada para que poidan acudir a esas citas. Iso é o que trae Foz Market, iso é o que traen as food trucks, que ademais de familias hai moita xente que se achega e comen na rúa, que é unha forma tamén de relacionarse”.
Desde o Centro Comercial Aberto o seu presidente, José Carlos Paleo, comentou que “xa o primeiro día puidemos ver o tirón que ten este tipo de evento gastronómico en Foz ao que acoden familias cos seus nenos e nenas, grupos de amigos, xente adulta e xente nova, porque hai propostas para todos os gustos. Todas as food trucks tiveron moita xente na xornada de onte e así agardamos que continúen ata o vindeiro domingo”. E engadiu que “outro aliciente de Foz Market son os 10 concertos programados con dez grupos diferentes que animarán a tarde noite na explanada do porto”.
Onte a nota musical puxérona Punta Norte e Jin Tony’s Son. Hoxe, xoves, ás 20:30 horas ofrecerá un concerto Valvulina e ás 22:30 horas actuará Tigers. O venres 16 ás oito e media da tarde tocará Gil & Hime e ás 22:30 horas será tempo para escoitar a Otus Scops. Os concertos seguirán o sábado 17 con Remakers ás 20:30 horas e Skuld ás 22:30 horas. E o domingo 18 actuarán ás 20:30 horas Swing XXI e ás 22:30 horas Half Black.

Exit mobile version