O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que esta orde de axudas permitirá mellorar os medios dos que dispoñen as Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil en catro concellos da Mariña luguesa. Nesta comarca, o investimento superará os 72.500 euros.
O equipamento para ceder ás Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil distribúese en tres liñas de axuda. Unha delas é para adquirir vehículos todo terreo tipo pick-up, que beneficia ao concello de Trabada.
Outra das liñas permitirá dotar a dous concellos mariñáns de cadanseu remolque para a atención ás emerxencias (os municipios beneficiarios son os de Lourenzá e O Vicedo). Por último, a terceira está dirixida á adquisición de tendas de campaña de emerxencias (na comarca o concello beneficiario será o de Mondoñedo).
A adquisición do equipamento é en réxime de concorrencia competitiva e está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional. O seu importe para toda a provincia, onde hai 14 concellos beneficiarios, supera os 237.600 euros.
As entidades ás que se lles concedeu o equipamento solicitado terán de prazo dez días hábiles desde a recepción a comunicación da resolución favorable para aceptar ou renunciar á subvención. Se algún dos beneficiarios renuncia redistribuirase o equipamento non adxudicado en base á lista de reserva integrada por todos os solicitantes admitidos segundo a puntuación de cada entidade.
O prazo estimado para a sinatura da acta de cesión dos vehículos todo terreo tipo pick-up e dos remolques para a atención de emerxencias será de tres meses. No caso das tendas de campaña, a cesión quedará condicionada á finalización do novo expediente de contratación.