Site icon Crónica3.com A Mariña

Cadernos da viaxe.”A falla de responsabilidade da esquerda española”, por Xoán Antón Pérez Lema

Dende as eleccións do 28-A, cualificadas pola extraordinaria mobilización do electorado progresista estatal, os irresponsábeis Pedro e Pablo xogaron ao máis cativo e paifoco tacticismo , esquecendo de xeito patente as esixencias do interese xeral e máis o mandato da cidadanía, que decidiu un goberno de coalición progresista de maioría socialista e corrixido por unha moi cualificada presenza dos soberanismos catalán, vasco e, en menor medida, valenciano.

A responsabilidade desta desaquelada situación repártese entre PSOE e Unidas Podemos (UP), malia que sobre o PSOE pese a meirande parte, tanto por ter 123 deputados por 42 de UP como por achegar a persoa do candidato a presidente do Goberno do Estado.

Verdade tamèn que os poderes do Deep State e os voceiros mediáticos do IBEX 35 fixeron o posíbel por impedir un Goberno de coalición PSOE-UP. Que era a resultante lóxica da decisión electoral cidadá. Deste xeito a gobernanza estatal ficaba como excepción fronte ´á normalidade das coalicións no conxunto da Europa, nos gobernos nacionais de Catalunya, Escocia, Gales, Euskadi ou Galicia e noutros gobernos autonómicos ou dos lander alemáns.

No que si concordaron PSOE e UP é na súa coincidencia tácita en esquecer pasadas fórmulas confederais (no caso de UP) e federalistas (vid Granada 2013, no caso do PSOE) para lle mercar ao tripartito da dereita española o seu modelo de recentralización uninacional. UP descoñecía en xullo que as políticas activas de emprego son da competencia autonómica, mentres o PSOE, nas súas 370 medidas propostas a UP como pacto de lexislatura (que éste asume como positivas), propugna actuacións específicas no eido do transporte interior, comercio interior e vivenda e fala de “clarificación competencial”, fórmula do politiqués unionista-madrileño que significa, como ben saben, máis recentralización.

O tempo esgótase e os irresponsábeis actores da esquerda española-UP e PSOE, PSOE e UP- arriscan unha posíbel vitoria da dereita española tanto máis probábel como avance o xa evidente enfriamento da economía e como abrolle a desmovilización do previsíbelmente desencantado electorado progresista.

Mentres, PNV e ERC exercen o papel que non lles cumpre ao ofrecer un cheque en branco para evitar unha vitoria electoral da dereita extremista e tripartita española.

Exit mobile version