Ribadeo, 7 de agosto de 2019. A concelleira do Grupo Municipal Popular de Ribadeo responsable de Turismo, Begoña Sanjurjo, lamenta que “o albergue de peregrinos de Vilela se atope pechado a mediados do verán cando se rexistra un maior fluxo de camiñantes que demandan este tipo de servizo”. Polo tanto, Sanjurjo demanda ao Goberno ribadense que “poña en marcha o albergue de Vilela, de titularidade e xestión municipal, que dispón de 24 prazas”.
Sanjurjo explica que “precisamente a gran cantidade de peregrinos que pasa por Ribadeo no verán require tamén dunha gran cantidade de prazas nos albergues para aloxar aos que fan uso do Camiño polo noso municipio”. Deste xeito, os populares acusan ao Goberno local do BNG de “abocar aos peregrinos a facer uso dos albergues privados cando contamos cunha infraestrutura perfectamente dotada e que serviría para incrementar o número de prazas de aloxamento no municipio, pero á que non se lle da uso”.
A popular defende que “os albergues públicos e os privados son perfectamente compatibles porque a demanda aumenta no verán”. Igualmente, “dende as institucións públicas tamén debemos apoiar os recursos turísticos como é o Camiño Norte ofrecendo os servizos que demandan os peregrinos”. E, nese sentido, convida ao Concello a potenciar o Camiño coa prestación de diversos servizos porque “é unha maneira de dinamizar e mellorar o turismo e tamén o noso rural”.
Iniciativas para a mellora do Camiño Norte
A popular engade que “dende o Grupo Municipal Popular cremos importante todas as iniciativas contra a violencia machista e, polo tanto, tamén aquelas que supoñan mellorar a seguridade das mulleres no Camiño Norte; pero pedímoslle ao Goberno ribadense máis actividades e servizos en torno a esta ruta xacobea”.
Sanjurjo cre que “o Goberno local tamén ten nas súas mans ofrecer outros servizos aos peregrinos que complementen a oferta existente e que fagan de Ribadeo un lugar aínda máis atractivo para peregrinos e visitantes”. Cita, por exemplo, “a contratación de guías turísticos que expliquen, entre outros recursos, as pinturas da igrexa da Ponte.
A Xunta de Galicia, entre outras iniciativas, contribúe a potenciar o Camiño Norte ao seu paso por Ribadeo co impulso de obradoiros de emprego que, ademais de ofrecer formación e mellorar a empregabilidade de persoas no paro, axudan a mellorar espazos ribadenses polos que discorre esta ruta cara a Santiago. “Os alumnos e alumnas dun dos dous obradoiros que se desenvolveron en Ribadeo co financiamento do Goberno galego, o denominado ‘Ribadeo no Camiño’, realizaron obras de acondicionamento da área recreativa da Palmeira en Ove, crearon unha área recreativa en Vilela e acondicionaron a contorna da ruta; ademais de actuar concretamente na área recreativa da Capela do Carme de Vilela e no espazo da Fonte en San Vicente – Covelas-; entre outras actuacións no ámbito cultural”, conclúen.