Site icon Crónica3.com A Mariña

Bea Mateos: ‘Véxonos moi comprometidas e dispostas a deixar a alma’

 Burela, 20 de agosto, 2019. “Temos un equipo para competir por todo, o cadro é plenamente consciente diso. Vexo a todas as xogadoras moi comprometidas e dispostas a deixar a alma”, así se confesaba a capitá do Pescados Rubén Burela FS, Bea Mateos, tras impoñerse na primeira cita de pretempada, onte en Marín, fronte ao Fisgón e Ourense Envialia.

A 14 mariñá tivo protagonismo goleador nos dous partidos, con 3-0 fronte ás anfitrioas xunto a Luci e Jane, e 1-1 coas ourensás, con posterior vitoria para as de Julio Delgado nos penaltis: “Non é habitual en min, pero tocoume ver portería. O importante é axudar ao equipo e así fixen, así que estou contenta. Foron os primeiros minutos da pretempada sobre a pista, pero vin o equipo bastante ben, aínda que falta coller ritmo e axustarnos coas fichaxes. Para ser os primeiros partidos, acabamos con boas sensacións” explicaba a salmantina.

Diante da que será a súa sétima campaña no Pescados Rubén, Bea móstrase máis motivada ca nunca: “Calquera xogadora que vén a Burela sabe que vén loitar por títulos e que aquí ten que dar o máximo ata o final, despois o desenlace xa o veremos”, apuntaba a ala-peche, deixando atrás os vellos fantamas da lesión de xeonllo que lle impediu gozar sobre o parqué os primeiros meses da tempada pasada: “É un inicio totalmente diferente; estou moi feliz de recuperarme tan ben. Puiden empezar desde o primeiro día e pretempada coas miñas compañeiras e sentirme dentro do grupo”.

Bea Mateos volverá compartir vestiario co gran bloque das Raíñas, reforzadas con doses de talento galego: “Parécenme grandes fichaxes; Ale paréceme moi lista e Lores moi profesional. Ademais tamén está traballando connosco en pretempada a brasileira Jane, unha xogadora cunha grande intensidade”, reflexionaba así a capitá sobre o novo conxunto, que arrincará o espectáculo liguero o próximo 14 de setembro en Vista Alegre, con ganas de todo: “Loitaremos por todo, aínda que creo que se nos quedou a espiña da liga a tempada pasada. Para min foi doloroso quedar empatadas a puntos co campión, así que oxalá poida resarcirme”, descubría así Bea o seu anhelo máis persoal.

Exit mobile version