Site icon Crónica3.com A Mariña

Balseiro replica a Loureiro que non se pode acusar de sectarismo á Xunta cando está disposta a poñer máis de sete millóns de euros para o saneamento de Viveiro, a pesar de ser unha competencia municipal

 Viveiro, 24 de agosto de 2019.- O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro saíu ao paso das declaracións efectuadas onte pola alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, lembrando que non é posible acusar de sectarismo político á Xunta de Galicia cando está disposta a poñer máis de 7 millóns de euros para a mellora do saneamento da ría de Viveiro e, todo iso, a pesar de ser este servizo unha competencia e responsabilidade exclusiva municipal.

O delegado territorial sinala, non obstante, que a celeridade que a alcaldesa sempre reclama á Xunta debera aplicala para si mesmo, xa que logo lembra que é o Equipo de Goberno municipal quen está retrasando o proxecto e, polo tanto, pídelle transparencia e que non engane á cidadanía.

“As datas falan por si mesmo. O 9 de maio a Xunta trasladou ao Concello de Viveiro o proxecto técnico para ampliación da EDAR e non foi ata o 19 de xullo –máis de dous meses despois- cando a alcaldesa someteu o proxecto a información pública. ¿Por que perdeu todo este tempo? ¿Non hai interese no Goberno local en que se vexa que a Xunta inviste en Viveiro?”- preguntou Balseiro

Desde a Xunta reiteran a petición formulada no día de onte e piden que Viveiro axilice a entrega da documentación municipal necesaria para poder licitar as obras de mellora da estación depuradora, orzamentadas en 4 millóns de euros, e ás que hai que sumar un proxecto complementario como é a construción do emisario que elevaría o investimento da Xuntan en obras hidráulicas neste municipio ata superar os 7 millóns de euros.

O Executivo autonómico conta coa partida orzamentaria para executar estas actuacións, xa que os proxectos están incluídos no programa de fondos europeos FEDER. Neste sentido, cómpre que tanto a Administración local como a estatal (que ten a última palabra na autorización definitiva das obras do emisario) tamén axilicen os trámites da súa competencia co fin de avanzar cara a mellora do saneamento na ría, que é unha prioridade para a Xunta.

Exit mobile version