Site icon Crónica3.com A Mariña

“As orellas do lobo”, por Carlos Fernández Louzao

Logo de ver como andan as cousas revoltas con Alcoa, parece que nos entrou o medo no corpo. Non dá saído un decreto favorable para a multinacional que permita fabricar en igualdade de condicións ca os veciños da nosa contorna. A fábrica afirma que no prezo final do aluminio que sae pola porta, o 41% correspóndese co gasto de electricidade empregado para a súa elaboración. Unha electricidade un 50% máis cara ca na Alemaña ou Francia. Falamos de dous estados membros da Unión Europea, non de Marrocos ou da China. As perdas, segundo manifesta a multinacional, son de millóns de euros mensuais, e quéixanse de que así ningunha entidade quere investir na factoría de San Cibrao.
Pois ben, entremos no terreo político local. Tanto en Cervo coma en Xove os alcaldes chaman á mobilización. Moi ben. Parécenos ben esta actitude tan hipócrita dos que levan tantos anos dicíndolle á xente que as manifestacións non serven para nada. Non teremos en conta que estes que agora se queren mobilizar sempre chegan tarde, mal e arrastro. Pero…, e xa está? Nada máis? Cal será a próxima medida estrela? Ir abrazar ao Santiago Matamouros á catedral de Compostela e pedirlle que nos ampare?
No último pleno de agosto celebrado no Concello de Xove vén de aprobarse por parte do goberno local unha modificación de crédito de 400.000 euros (é dicir, a autorización formal para gastar esta cantidade a maiores do orzamento de nove millóns fixado para este ano). De toda esta partida adicional, máis de 300.000 eurazos son para alcatranar pistas e colocar farolas. Outra vez.
Tras a situación vivida na época do Casón, nunca a fábrica correu tanto perigo de peche. Pero tanto lles ten. En Xove continuamos sen nos preparar para cando aconteza o inevitable. Agardemos que non sexa cedo, que pasen moitos anos, pero algún día Alcoa deixará de dar leite. A vaca xa avisou varias veces. Púxose nerviosa, cabeceou e tirou o caldeiro dunha couce. E nós coma sempre: coas políticas de pista e poste. Vamos amañados!

Carlos Fernández Louzao. Concelleiro do BNG de Xove.

Exit mobile version