Desde o goberno municipal explican que a presenza de enterococos intestinais vén dándose especialmente nos últimos anos a consecuencia dos problemas de depuración das augas residuais que existen nas parroquias de San Miguel e Reinante. “Por esta razón, entre outras, é urxente acometer as obras necesarias para a construción dunha nova depuradora en San Miguel que, tal e como recolle o proxecto elaborado por Augas de Galicia, solucionaría o saneamento que provoca verquidos en dito areal.”
O Concello lembra que xa existe un proxecto concreto e que o goberno municipal trata de sacalo adiante.
Lembran ademais que, pese ás declaracións do delegado da Xunta, a administración autonómica ten asumido noutros lugares obras similares e, mesmo en Barreiros, existiu hai un tempo un compromiso para aportar unha importante suma de diñeiro a un convenio para a mellora e ampliación das infraestruturas de saneamento entre as que se atopaba esta mesma depuradora.
“Existindo xa ese proxecto concreto para afrontar o problema de depuración das augas residuais de Barreiros que demanda o delegado e que foi redactado e cuantificado por Augas de Galicia, desde o Concello tomamos a iniciativa de iniciar un diálogo con outras administracións para analizar a posibilidade de execución do mesmo. E nese sentido e nese contexto se encadran as misivas enviadas aos distintos departamentos da Xunta que entendemos poden ter interese e implicación na solución”, relata a alcaldesa.
Ana Ermida manifesta que “a disposición do Concello é buscar solución a un problema existente desde hai anos e, sendo conscientes da imposibilidade de que esta sexa dada exclusivamente polo Concello, debemos buscar a colaboración interadministrativa en beneficio das veciñas e veciños e fuxir de sectarismos ou apriorismos insubstanciais que non levan a solución algunha”.