Site icon Crónica3.com A Mariña

ACISA traballa no calendario das actividades que desenvolverá despois do verán. Chegará unha nova edición do domingueo en Ribadeo e están previstas unhas xornadas gastronómicas.

Ribadeo, 1 de agosto de 2019. Acisa traballa no calendario de actividades que se desenvolverán despois do verán e que será unha nova edición do Domingueo en Ribadeo, unhas xornadas gastronómicas e o Nadal. Tamén haberá accións organizadas xunto a outras entidades. Estes foron algúns dos asuntos abordados na última reunión da xunta directiva celebrada esta semana.

No encontro fíxose un balance máis pormenorizado e moi positivo do Ribadeo Indiano, que trouxo á vila a unhas 60.000 persoas e deixou uns 3,5 millóns de euros de movemento económico na hostalería, nos hoteis e nos comercios. O xerente de Acisa, Jesús Pérez, subliñou que “a inversión que realizamos no Ribadeo Indiano é ben pequena se a comparamos con todos os beneficios que xera esta cita”. Tamén tivo palabras de recoñecemento para o traballo conxunto realizado entre o Concello e Acisa para que o Ribadeo Indiano siga a ser un éxito.

A ampliación dos horarios dos establecementos de hostalería foi outro dos asuntos abordados: “Acisa é a asociación encargada de tramitar diante da Xunta e do Concello as ampliacións horarias para todo o ano, nas pontes festivas, nas festas locais, na Semana Santa e tamén durante o verán. Desas ampliacións os que se benefician son unicamente os socios e as socias da nosa asociación. Aproveitamos para convidar ao resto de establecementos hostaleiros que queiran beneficiarse deste traballo e de todo o que facemos ao longo do ano a que dean o paso de entrar a formar parte de Acisa”. Acisa conta na actualidade con máis de 160 socios. Os últimos locais en adherirse foron: Manín, La Coqueta, Peineta, Laberinto Costa Rinlo, bar Estopa, Viajes Eroski e Delicatés. A asociación deulles a benvida á vez que aspira a seguir medrando nos vindeiro meses.

Outros dos asuntos abordados na xunta directiva desta semana foron as colaboracións coas festas patronais e co torneo de fútbol Emma Cuervo. Jesús Pérez explicou que “decidimos este ano non colaborar economicamente, como asociación, coa comisión organizadora das festas patronais debido ás numerosas queixas que recibimos dunha parte dos nosos asociados e asociadas que se amosan en contra da instalación, un ano máis, do Mercado Pirata no parque de San Francisco. Temos queixas de tendas de deportes, de xoierías, de panaderías e doutros locais que consideran que ese Mercado Pirata é unha competencia para eles no mellor mes do ano, no que máis ventas teñen que rexistrar. Despois dun intercambio de opinións na xunta directiva acordamos este ano non colaborar coas festas patronais, insisto, como asociación. Logo cada asociado é quen de facer o que considere e sabemos que os hai que están a dar donativos e a poñer publicidade no libro das festas. Nese sentido, ningún problema”.

O xerente de Acisa lembrou que “este ano, como todos sabemos, o trofeo Emma Cuervo non se disputou en Ribadeo. Oviedo e Ponferradina víronse as caras na localidade asturiana de Navia. Desde Acisa estivemos dispostos a colaborar sempre e cando as afeccións dos clubs participantes pasasen por Ribadeo para acudir a ese encontro, porque iso repercutiría nos nosos asociados. Ao non ser así, decidimos neste 2019 non colaborar coa organización. Cando o Emma Cuervo se volva disputar no Pepe Barrera falaremos de novo e estaremos apoiando como sempre o fixemos”.

Jesús Pérez engadiu que “debido á tempada estival na que nos atopamos e na que todos os membros da directiva ven incrementado o seu traballo Acisa reestrutúrase durante un tempo. As funcións da presidencia, cargo no que sigue Francisco Iriarte, serán compartidas polo vicepresidente, Juan Andina, e pola xerencia, que o apoiaremos no seu traballo”.

Exit mobile version