Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta reitéralle ao Concello de Viveiro a solicitude da documentación precisa para poder licitar as obras de mellora da depuradora

 Santiago de Compostela, 23 de agosto 2019.- A Xunta, a través de Augas de Galicia, trasladoulle hoxe ao Concello de Viveiro unha solicitude da documentación municipal necesaria para poder licitar as obras de mellora da depuradora, cun orzamento de case 4 millóns de euros.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade lembra que en canto se reciba a documentación local precisa, que xa lle foi solicitada en xuño, se licitarán as citadas obras hidráulicas.

O Goberno galego, para acadar a mellora do saneamento da ría de Viveiro, está a achegar un investimento de 7 millóns de euros co fin de impulsar a optimización nas liñas de tratamento da depuradora, así como executar un novo emisario submariño.

No que se refire ao emisario submariño, a Xunta está a avanzar no seu proxecto coa realización das prospeccións arqueolóxicas submariñas na ría, que será a última actuación necesaria para poder remitir o proxecto a Costas para proceder á súa aprobación definitiva.

O Executivo autonómico conta coa partida orzamentaria para executar estas actuacións, xa que os proxectos están incluídos no programa de fondos europeos FEDER.

Neste sentido, cómpre que tanto a Administración local como a estatal tamén axilicen os trámites da súa competencia co fin de avanzar cara a mellora do saneamento na ría, que é unha prioridade para a Xunta.

Exit mobile version