Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta ponse á disposición do colectivo veciñal de celeiro para presentar os proxectos de mellora do saneamento da ría, aos que destina máis de 7 m€

Viveiro, 29 de agosto de 2019.- O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, contactou cos responsables do recentemente constituída plataforma veciñal pro-Celeiro para poñerse a disposición deste colectivo e, de ser o caso, manter unha reunión en canto eles así o determinen.

A Administración autonómica ten vontade para explicar polo miúdo as características das obras hidráulicas que a Xunta financiará no municipio de Viveiro e para as que reserva máis de sete millóns de euros, todo iso a pesar de que o saneamento é unha competencia municipal.

A Xunta amosa a súa disposición de presentar á plataforma o proxecto técnico de ampliación e mellora das liñas de tratamento da Estación Depuradora de Celeiro (EDAR) e tamén adquiriu o compromiso de licitar as obras, un paso que podería ter lugar neste mes de setembro, en canto o concello presente a documentación requirida e, a día de hoxe, pendente.

Por outra banda, o Goberno galego tamén traballa no proxecto do novo emisario. Realízanse prospeccións submarinas para comprobar se a obra ten afectación arqueolóxica. A Xunta lembra que negociou co departamento estatal de Costas para instalar o novo emisario e retirar o actual ante a negativa a facelo por parte do Concello.

Para a Xunta de Galicia é unha prioridade o saneamento da ría de Viveiro e por iso, a pesar de que son os concellos as entidades competentes neste ámbito, amosa a súa total colaboración técnica e tamén económica, cun relevante esforzo inversor.

Exit mobile version