Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta ofrece unha vivenda social ou o bono alugueiro á familia de Ourol que perdeu a súa casa a semana pasada

Ourol, 5 de agosto de 2019.- A Xunta de Galicia pon a disposición da familia de Ourol que perdeu a súa casa nun incendio a posibilidade de acceder a unha vivenda social ou ben a un bono alugueiro, así como información sobre as liñas de axuda que xestiona a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para a rehabilitación edificatoria.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, comunicou estas alternativas ao alcalde do municipio, José Luís Pajón, quen se comprometeu a trasladarllas aos afectados.

O Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) ofrécelles a posibilidade de ocupar unha vivenda de promoción pública en Viveiro, o municipio máis próximo ao seu domicilio -situado na parroquia de San Pantaleón de Cabanas- onde conta con vivendas sociais.

Tamén cabe a opción de acollerse ao bono alugueiro, polo que recibirían unha achega mensual para contribuír a sufragar os gastos de alugamento da vivenda da súa elección, o que abriría a posibilidade de permanecer no municipio de Ourol.

Ademais, como complemento a calquera destas vías, a familia pode acceder ás axudas para a rehabilitación que tramita o IGVS. Neste momento, e ata finais de mes, está aberto o prazo para solicitar as subvencións dos programas de fomento de mellora da eficacia enerxética e sustentabilidade e de fomento da conservación, da mellora da seguridade de utilización e da accesibilidade en vivendas do Plan estatal de vivenda 2018-2021. Esta liña de axudas establece un apartado concreto para obras na cimentación, estrutura e instalacións e adecuación interior.

Igualmente, poden solicitarse as axudas financeiras do programa de préstamos cualificados para a rehabilitación de edificios e vivendas, aberto inicialmente ata o 15 de outubro do 2019.

O IGVS informará destas e outras convocatorias que se irán resolvendo nos vindeiros meses e que poidan axustarse ás necesidades da familia afectada.

Exit mobile version