Riotorto, 20 de agosto de 2019.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de iniciar no día hoxe, coa sinatura do acta de replanteo, a obra que permitirá dotar dunha rede de saneamento ao núcleo rural de Chacín, no municipio lugués de Riotorto.
Os traballos, promovidos por Augas de Galicia en colaboración co Concello, contan cun investimento que supera os 51.000 euros e que permitirán a construción da rede de colectores e a instalación dun sistema de depuración de tipo fosa-filtro.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que este investimento responde a unha demanda municipal “e con el pretendemos mellorar a calidade de vida dos residentes neste núcleo rural e proporcionarlles novos servizos”
A nova rede de colectores no lugar de Chacín canalizará as augas residuais procedentes dunha trintena de vivendas mediante a colocación de tubaxes de PVC cara o sistema de depuración composto por unha fosa máis filtro compacta.
Tamén se proxecta o cerramento dos recintos de depuración mediante malla metálica galvanizada con zócalo de bloque.
A recollida comezará nunha arqueta ou pozo onde acometerán as saídas particulares das vivendas e discorrerán por tubaxes plásticas. Cada encontro entre ramais, cambio de dirección da rede ou novas acometidas, resolveranse cun pozo circular rexistrable.
Os colectores discorrerán fundamentalmente polas marxes dos camiños e estradas do lugar. Para a construción da rede de colectores e colocación de pozos, proxéctase a escavación e posterior recheo de gabias. Nalgúns casos haberá que cruzar camiños ou pistas asfaltadas, todas de ámbito municipal, para o que está previsto, ao finalizar as obras, a correspondente reposición de firmes e pavimentado.