Viveiro, 29 de agosto de 2019.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de iniciar as obras de reforzo do firme na estrada autonómica LU-161, que comunica o interior dos municipios de Viveiro, Ourol e O Valadouro, e nas que a administración autonómica inviste 450.300 euros.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, nunha visita á zona comprobou a marcha dos traballos e avanzou que se as condicións climatolóxicas o permiten, a previsión é que estean rematados na segunda quincena de setembro. Os traballos están a executarse actualmente na zona de Boimente.
As obras iniciáronse no PK 2+680 na localidade vivairense de Chavín e proseguirán ata o 11+100, nas Lobeiras. Tamén hai traballos programados dende o 14+990 ata o 16+000 na parroquia de Vilacampa, no Valadouro.
As actuacións de mellora do firme inclúen o fresado e reposición da capa de rodaxe naquelas zonas que presenten deterioro mediante mestura bituminosa a carril completo, con áridos de alta calidade para garantir unha mellor adherencia. Tamén a instalación, en varios puntos, de novas barreiras metálicas que contribúan a mellorar a seguridade e eviten saídas da vía.
Están previstas outras actuacións complementarias como son a limpeza de marxes e a mellora das beiravías, que nalgúns tramos serán de seguridade, isto é, practicables. Tamén a reposición da sinalización horizontal e o reforzo da sinalización vertical, que contribúen a facer unha vía máis cómoda e segura.