Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta destina 140.000 euros ás obras de reforma e modernización da estación de autobuses de Ribadeo, ás que optan cinco empresas

 Ribadeo, 30 de agosto de 2019. A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade destina 140.000 euros ás obras de reforma e modernización da estación de autobuses de Ribadeo, para as que presentaron ofertas cinco empresas.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, estivo hoxe nas instalacións para dar a coñecer as actuacións proxectadas, que afectarán a elementos estruturais, como cubertas, paramentos e pavimentos, e inclúen melloras na instalación eléctrica e na iluminación, así como nos aseos e noutras dotacións e servizos.

As reformas buscan “corrixir deficiencias propias do paso do tempo e mellorar a estética e a funcionalidade das instalacións”, dixo o delegado, quen sinalou que neste momento está en marcha o proceso de contratación das obras, que previsiblemente comezarán a finais de ano e quedarán completadas de cara á próxima primavera.

Entre outros traballos, actuarase na cuberta do edificio, coa substitución do canlón existente; e tamén na estrutura metálica da cuberta da dársena, na que se propón a retirada e reposición das pranchas e correas substituíndoas por outras novas, e a aplicación dun tratamento anticorrosión a piares e vigas.

Tamén se acometerán melloras no pavimento na zona de circulación dos autobuses, limparanse sumidoiros e acondicionaranse as portas exteriores da estación. Proponse ademais a revisión de luminarias da dársena e a súa substitución por outras tipo LED: de maior potencia, duración e capacidade de aforro enerxético.

Así mesmo, no interior do edificio arranxaranse falsos teitos, pintaranse paredes e acondicionaranse os aseos -nos que se renovarán as portas e se substituirán os inodoros-, entre outras actuacións.

Paralelamente, está previsto instalar un rótulo indicativo da estación de autobuses e potenciar a información ás persoas usuarias coa instalación de paneis informativos electrónicos para manter actualizadas as chegadas e saídas dos autobuses.

Balseiro lembrou que este proxecto “enmárcase dentro da aposta que está a desenvolver o Goberno galego pola mellora do transporte público e das súas infraestruturas estratéxicas”.

Exit mobile version