Lugo, 6 de agosto de 2018.- O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, deu conta hoxe do acordo polo que a Consellería de Sanidade, a través do Servizo Galego de Saúde, renova o convenio de colaboración con Alcer-Lugo para a cobertura do servizo de traslado de pacientes aos centros de hemodiálise na provincia de Lugo, achegando un investimento de 634.700 euros.
No acto participaron tamén, en representación da entidade, a presidenta María José Otero e María Jesús Díaz, que explicaron en detalle en que consiste este servizo que utilizan arredor de 200 docentes cada mes, distribuídos en máis de 50 rutas -entre 50 e 60 segundo os meses- cubertas por 24 taxis que en conxunto traballan neste cometido todos os días da semana, agás os domingos, tanto pola mañá como pola tarde.
O delegado territorial subliñou que en total suman uns 75.000 quilómetros ao mes e explicou o apoio da Xunta porque “nunha provincia cunha orografía e unha dispersión poboacional como a nosa, resulta unha misión titánica para unha entidade sen ánimo de lucro asumir en solitario esta tarefa”.
Os usuarios son trasladados a distintos centros sanitarios de referencia para o tratamento de hemodiálise: O 63% a Lugo capital, o 21,5% a Burela -neste caso todos ao hospital da Costa- e o 15,5% a Monforte de Lemos.
Balseiro lembrou que a Xunta apoia outros proxectos de Alcer e fixo especial referencia ao programa Medro con Alcer, dirixido a ofrecer unha atención de calidade e o máis especializada posible ás nenas e nenos con doenzas do ril. A consellería de Política Social asinou hai dúas semanas un convenio de ámbito autonómico coa entidade para garantir a continuidade deste proxecto, incrementando a súa achega nun 28% con respecto ao ano pasado, ata chegar aos 27.000 euros.
Igualmente, lembrou que se produciron avances no eido asistencial e que “o Hula segue a apostar pola hemodiálise a domicilio como xeito de mellorar a calidade de vida dos pacientes”. Cabe lembrar que o hospital lucense foi uns dos primeiros de España -o oitavo en concreto- en implantar este servizo.