Ribadeo, 7 de agosto de 2019.- A Consellería de Economía, Emprego e Industria financiará un novo obradoiro de emprego para a mocidade no concello de Ribadeo, ao que destinará un orzamento de 180.000 euros. A iniciativa forma parte do programa Garantía Xuvenil.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que este programa ofrecerá formación teórica e práctica e experiencia laboral, cun contrato de traballo, a 16 mozos e mozas desempregados do municipio.
Está previsto que o novo obradoiro se poña en marcha no mes de setembro e retomará as especialidades de Producción fotográfica e Operacións de grabación e tratamento de datos e documentos, o que permitirá continuar co labor que viñeron desempeñando cos fondos documentais do arquivo municipal outros obradoiros impulsados pola Xunta no municipio nos últimos anos.
Nas vindeiras semanas resolverase a convocatoria xeral dos obradoiros, coa intención de que poidan iniciarse tamén no outono. Balseiro lembrou que os concellos poden desenvolver simultaneamente proxectos en ambos programas, nos destinados á mocidade e nos duais, como de feito fixo Ribadeo.
Así, a Xunta investiu 450.000 euros en sufragar os dous obradoiros realizados no municipio nos últimos meses: o relativo á mellora do arquivo orientado á mocidade, e outro xeral destinado a obras de acondicionamento e mellora do Camiño Norte e o seu entorno. En conxunto, ambos proxectos proporcionaron emprego e formación a 36 persoas.
En conxunto, a consellería financiou nos últimos meses na provincia 20 obradoiros de emprego, dous deles dirixidos á mocidade -o de Ribadeo máis outro en Lugo-. Involucraron a 50 concellos, supuxeron un investimento da Xunta de 5,5 millóns de euros e sumaron 472 contratacións. Xa está en marcha unha nova convocatoria deste programa polo que proximamente poranse en marcha novos proxectos nos municipios lucenses.