Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta apoia con 210.800 euros os proxectos promovidos por 15 empresas da provincia para avanzar na dixitalización da industria 4.0

View of an african american and caucasian man collaborating on two laptops

Lugo, 23 de agosto de 2019.- A Xunta, a través da consellería de Economía, Emprego e Industria vén de apoiar cunha achega conxunta de 210.800 euros os proxectos promovidos por 15 empresas da provincia de Lugo dentro do programa de axudas á dixitalización da Industria 4.0

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que estas axudas servirán para apoiar a adquisición de equipos e software, así como as colaboracións necesarias para a súa instalación, financiando proxectos colectivos de agrupacións, pemes e iniciativas promovidas a nivel individual.

O obxectivo primordial destas axudas é mellorar o traballo das pemes nos mercados rexionais, nacionais e internacionais, facilitando o seu financiamento, tecnoloxía e acceso a servizos de apoios avanzados.

Na relación das 15 empresas lucenses beneficiarias atopamos sectores moi heteroxéneos desde laboratorios a compañías de alimentación, deportivas, de transformación da madeira, montaxes metálicos, recambios e construción ou sociedades cooperativas agrarias.

A axuda da Xunta será de 210.800 euros e servirá para apoiar un investimento por valor de 600.300 euros. Deste xeito, os proxectos no eido dixital destas compañías serán financiados ao 30% no caso das pequenas empresas, e ao 20% para as medianas, facilitando a súa modernización e mellorando a súa competitividade a través da interconexión dixital entre as empresas vinculadas pola súa actividade.

A segunda convocatoria destas axudas permanece aberta para a presentación de proxectos e para recibir solicitudes ata o vindeiro 20 de setembro. Poden obter máis información sobre este programa na web e oficinas do Igape e da Xunta.

Axenda Industria 4.0
Esta liña de apoios debe entenderse incluída no abeiro do desenvolvemento da Axenda Industria 4.0. O programa total da Axenda destinará 350 millóns de euros en catro anos co obxectivo de anticiparse aos cambios, aumentar o tamaño das empresas, favorecer o talento dixital e a reinvención da industria.

Deste xeito, o propósito é afondar no impulso á mellora da competitividade do tecido empresarial como parte dunha economía global e afectada, habilitando a creación de 13.500 empregos industriais e a mobilización de 900 millóns entre 2019 e 2022.

Exit mobile version