As Guerreiras Laranxas xa están preparadas para a volta ao traballo, nunha pretempada xa con moitos retos por diante: “Era lóxico que o bloque se mantivera pola gran tempada realizada, ademais chegan Ale de Paz e Jenny Lores, que nos darán un plus máis, con experiencia en Primeira División” reflexionaba Julio Delgado, que volverá contar co Peque, Dany, Ana Romero, Cilene, Bea Mateos, Luci, Jozi, Lara Balseiro, Jenny e Cris, ademais da novísima Cristina Lourés, de Comarcal A Fervenza.
“Imos traballar duro porque xa temos a Supercopa á portas. Se rematou ben 2018-19, co título de I Copa de SM A Raíña, tamén queremos comezar ben 2019-20; temos dous títulos en xogo no prazo de oito días e queremos ir a por todo” explicaba así o adestrador facendo referencia ao 4 Nations Futsal de Milán (31 de agosto e 1 de setembro), xunto á Supercopa (6 de setembro). “Aínda temos que compactar o equipo pero xa estamos pensando nesas dúas citas. Creo que temos que seguir o mesmo camiño, o equipo fixo un gran traballo este ano, día a día as xogadoras traballaron na busca de recompensas. Agora o reto é maior; despois de Copa da Raíña e de Copa Galicia, esta tempada queremos máis; a ambición é maior” confesaba Julio.
“Levo catro anos no equipo e creo que a tempada pasada foi un punto de inflexión, conseguimos dar varios a pasos a adiante despois dun par de tempadas de seca, entre eles o convenio colectivo; Pescados Rubén apostou moi forte por nós e iso queremos devolvelo” así se amosaba o técnico mariñán ante 2019-20.